Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan CAMGAL)

CAMGAL establece as normas e procedementos básicos de actuación, a estrutura de organización e o sistema de resposta fronte a un episodio de contaminación mariña accidental que se produza ou afecte ao litoral galego.

O Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan CAMGAL) achega unha resposta áxil e coordinada ante unha eventual continxencia por contaminación. O documento recolle un conxunto de normas e procedementos básicos de actuación, a estrutura de organización e o sistema de resposta das administracións públicas fronte a un episodio de contaminación mariña accidental que se produza ou afecte o litoral da nosa Comunidade.

Este plan supón un avance na preparación da Comunidade Autónoma nesta materia e promove unha utilización racional dos medios materiais existentes. CAMGAL ten como obxectivo obter a máxima protección para as persoas, o ambiente e os bens que resulten afectados ante unha eventual continxencia.

Entre as principais novidades con respecto ao anterior plan, CAMGAL inclúe unha maior cobertura do risco, ao incluír por primeira vez puntos específicos na loita contra a contaminación mariña accidental provocada por substancias nocivas e potencialmente
perigosas (SNPP).

Nos procedementos de actuación o Plan introduce tamén a recolla e regulación da actuación do voluntariado nas tarefas de resposta, diferenciando entre o voluntariado profesional do mar e o voluntariado non profesional nas operacións en terra. Así mesmo, por primeira vez recóllese e foméntase a correcta recolla de evidencias para a xestión de compensacións. O plan inclúe tamén un atlas para a limpeza da costa nestes casos dependendo do lugar, do tipo de alcance e da vertedura.

Outro aspecto relevante é a inclusión, por primeira vez, da obrigatoriedade de elaboración de plans locais por parte dos concellos litorais, implicándoos na loita contra a contaminación mariña accidental, co fin de minimizar os seus efectos negativos nos recursos socioeconómicos e ambientais.

Obxectivos

Defínense como obxectivos específicos do plan os seguintes:

Planificar e coordinar, no ámbito das súas responsabilidades, as actuacións dos medios materiais e humanos adscritos ao Plan CAMGAL coas actuacións dos distintos medios capaces de realizar operacións de loita contra a contaminación mariña accidental, pertencentes ás diversas administracións, así como a institucións públicas e privadas.

Potenciar a utilización axeitada e a mellora dos medios de loita contra a contaminación mariña accidental adscritos ao plan, así como fomentar a capacitación de persoal especializado a nivel territorial.