Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable

Galicia Saudable é un plan a través do cal se pretende crear as condicións para que todas as persoas da nosa comunidade poidan adoptar un estilo de vida activo que favoreza a súa saúde. Está impulsado pola Presidencia da Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, co respaldo científico e técnico de persoas expertas en actividade física.

Nas últimas décadas a nosa sociedade experimentou un vertixinoso desenvolvemento tecnolóxico, económico e social, que trouxo consigo un profundo cambio na nosa forma de comportarnos e de relacionarnos entre as persoas e coa nosa contorna. As novas formas de vida e os distintos desenvolvementos tecnolóxicos, pensados para facilitarnos a vida e axudarnos a ter unha existencia máis cómoda, convertéronnos en seres inactivos nas nosas tarefas de todos os días, xa sexa no noso fogar, no traballo ou nos nosos momentos de lecer. Esa inactividade e falta de movemento característica das nosas sociedades está a empezar a ter consecuencias na nosa saúde.

A insuficiente actividade física é unha das causas principais das enfermidades con maior impacto na actualidade, como son as patoloxías cardiovasculares, a diabetes, a hipertensión arterial, a obesidade, o cancro, as enfermidades mentais e as afeccións de ósos e articulacións.

A Xunta de Galicia, convencida dos enormes beneficios que a práctica regular da actividade física pode traer para a saúde da cidadanía, puxo en marcha o Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable, a través do cal se pretende crear as condicións para que todas as persoas que habitan a nosa comunidade poidan adoptar un estilo de vida activo que favoreza a súa saúde. Esta iniciativa, impulsada polo Goberno autonómico en colaboración coas principais institucións e organizacións dos ámbitos educativo, sanitario, empresarial e social, afronta o reto de promover un modelo de vida máis activo e situar á actividade física como un instrumento fundamental para ter unha vida máis saudable.

Finalidades do plan
Os obxectivos fundamentais da posta en marcha de Galicia Saudable son:

Conseguir unha sociedade máis saudable mediante o aumento da práctica regular da actividade física e a mellora da alimentación.
Previr enfermidades e patoloxías desencadeadas polo estilo de vida pouco activo e unha alimentación inadecuada.
Aumentar o coñecemento e a divulgación científica entre a sociedade galega sobre a importancia da actividade física e a súa relación coa autonomía persoal, a saúde e a calidade de vida.
Pór a disposición da cidadanía galega recursos, información e ferramentas que faciliten a práctica de actividade física.
Construír unha rede de institucións e organizacións promotoras de actividade física.

Eixes estratéxicos de Galicia Saudable

  1. Creación dunha estrutura organizativa que dirixa, coordine, asesore e supervise o desenvolvemento do plan e todas as súas accións.
  2. Creación das canles de comunicación necesarias para divulgar o coñecemento e ofrecerlles aos/ás usuarios/as e aos/ás colaboradores/as un medio para a participación.
  3. Creación dunha rede de actores institucionais e sociais que se adhiran e subscriban o plan e contribúan á súa elaboración, promoción e implantación.
  4. Creación de recursos metodolóxicos e instrumentos para apoiar e facilitar as intervencións na promoción de actividade física e a prescrición de exercicio.
  5. Desenvolvemento de campañas e accións de comunicación, información e sensibilización sobre a práctica de actividade física e os seus beneficios para a saúde, o benestar e a calidade de vida.
  6. Revisión e adecuación da lexislación e a normativa para promover e facilitar a práctica de actividade física da cidadanía.
  7. Adecuación urbanística, ambiental e dos transportes para facilitar espazos seguros, limpos e atractivos para a práctica de actividade física e o uso de medios de transporte non motorizados e/ou colectivos.
  8. Implantación de servizos municipais para a promoción da actividade física, o asesoramento aos cidadáns e a prescrición de exercicio a persoas sas e enfermas.
  9. Promoción da práctica deportiva en todas as modalidades e niveis e para todas as persoas en condicións de igualdade.
  10. Aumento da actividade física no ámbito educativo, en todos os niveis, tanto no centro escolar en horarios curricular e extracurricular como no seu contorno.
  11. Promoción de actividade física en colectivos específicos: persoas con discapacidade, mulleres, persoas maiores e persoas en risco de exclusión.
  12. Promoción e accesibilidade de hábitos saudables de actividade física no ámbito laboral.
  13. Promoción de actividade física e prescrición de exercicio físico no ámbito sanitario.
  14. Promoción do turismo activo.
  15. Formación para a capacitación persoal e profesional no eido da actividade física e a saúde.
  16. Vixilancia e investigación no ámbito da actividade física e a saúde, especialmente no que concirne ao coñecemento da realidade sobre a que quere intervir o Plan e á efectividade das súas accións.

Ligazóns relacionadas