Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015

O Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011 - 2015 aspira a ser unha ferramenta chave para incrementar de xeito decisivo a competitividade de Galicia e o benestar de todos os galegos e galegas.

Galicia afronta no quinquenio 2011 - 2015 un reto fundamental para o seu futuro: desenvolver un ecosistema de investigación e innovación suficientemente eficiente como para situar a economía galega en posición de competir nunha contorna global.

Ante este desafío, o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011 - 2015 impulsado pola Xunta de Galicia, aspira a ser unha ferramenta chave para incrementar de xeito decisivo a competitividade de Galicia e o benestar de todos os galegos e galegas.

Para acadar este obxectivo, é fundamental impulsar unha investigación de calidade, posta en valor e unha innovación comprometida coa competitividade. So así se poderán xerar proxectos de alto nivel, vertebrar mellor o tecido das PEMEs e optimizar o rendemento da economía galega. Pero xunto co impulso político do goberno, é imprescindible que empresas, universidades, centros tecnolóxicos e demais axentes do Sistema Galego de I+D+i se sumen ao cambio cultural necesario para unir investigación e innovación con espírito empresarial e xirar así cara a un modelo de desenvolvemento máis intensivo en coñecemento.

Para acadar os obxectivos perseguidos polo Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 é preciso involucrar nel ao conxunto da sociedade galega e moi especialmente ao conxunto de axentes do Sistema Galego de I+D+i. Só así, co esforzo de todos, seremos capaces de afrontar o reto de axudar ao desenvolvemento e ao benestar dos galegos, impulsando o crecemento da sociedade e da economía galegas ao facelas máis competitivas grazas a un uso intensivo do coñecemento.

Obxectivos prioritarios, retos e eixos estratéxicos

O plan marca como obxectivo prioritario estimular o crecemento económico e social de Galicia mediante o impulso e a consolidación do seu capital científico e tecnolóxico, facilitando as relacións entre os Centros de Coñecemento e as empresas. As medidas que contempla son:

Reforzar a investigación no ámbito universitario galego, especialmente na súa aplicación aos procesos empresariais.
Apoiar o desenvolvemento dos centros que favorezan a investigación, a innovación e a transferencia.
Fomentar a I+D+i na empresa, a investigación aplicada e as iniciativas de cooperación empresarial.
Desenvolver proxectos de I+D+i na administración autonómica e local para aumentar a eficacia.
Promover proxectos de transferencia entre os axentes do sistema.

A partir desta visión xeral, o plan asume como obxectivo xeral a converxencia do esforzo galego en I+D+i co esforzo do conxunto de España, que en ningún caso debe ser inferior ao 2% do PIB no ano 2015, cifra que nos porá na senda de alcanzar o obxectivo fixado pola Unión Europea para o ano 2020 do 3% do PIB, cunha contribución ao esforzo dun 75% por parte do sector privado.

O Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011 – 2015 estrutúrase en retos, eixos estratéxicos e liñas de actuación asociadas a cada eixo. Os seus retos fundamentais son:

Reto 1: a captación, formación e retención do talento
Reto 2: a investigación de referencia e competitiva
Reto 3: a innovación e valorización
Reto 4: o crecemento empresarial
Reto 5: cambio do modelo para ter un sistema competitivo máis aló de 2013

Os eixos estratéxicos do plan son:

Xestión do talento
Consolidación de grupos de referencia
Sistema integral de apoio á investigación
Valorización do coñecemento
A innovación como motor de crecemento
A internacionalización dos procesos de coñecemento e innovación
Modelo de innovación nas administracións
Programas sectoriais
Proxectos singulares
Difusión e divulgación