Plan director de Banda Larga de Galicia 2010-2013

O Plan de banda larga de Galicia 2010-2013 define a estratexia de despregamento máis adecuada para que a maior parte da sociedade e as empresas galegas dispoñan de acceso de calidade á banda larga no horizonte do ano 2013.

O Plan Director de Banda Larga (PDBL), recolle a estratexia da Xunta de Galicia para o desenvolvemento da banda larga en Galicia, así como a folla de ruta que permitirá a súa implantación durante os próximos catro anos (período 2010-2013). A definición desta estratexia, realizouse atendendo a obxectivos de crecemento, progreso, desenvolvemento e modernidade da comunidade galega e de converxencia con España e Europa.

Para poder achegar o máximo valor, a visión de que se dispón é desenvolver e estender as novas tecnoloxías e infraestruturas de telecomunicacións de banda larga aos cidadáns, organismos públicos e tecido empresarial de Galicia, con especial foco naquelas zonas máis desfavorecidas ou desatendidas.

Os obxectivos fundamentais deste plan son:

A redución do desequilibrio territorial: proporcionar a capacidade de acceder á banda larga aos galegos, cunha calidade de servizo e custo adecuado, asegurando así a vertebración do noso territorio como elemento de inclusión social e redución do desequilibrio territorial.
A modernización das administracións públicas: impulsar os servizos públicos dixitais de calidade e a modernización da administración pública autonómica e local, garantindo a existencia de servizos de BL en todos os núcleos con puntos de demanda pertencentes á Administración e empregando toda a potencialidade que ofrece hoxe a tecnoloxía.
A xeración de competitividade e innovación: extraer o máximo aproveitamento das posibilidades das novas tecnoloxías como dinamizadoras económicas e xeradoras de competitividade e innovación nos diferentes sectores produtivos clave para Galicia.
A maximización da cooperación: asegurar un despregamento baseado na eficiencia e na cooperación, sustentando na visión e actuación global e na coordinación de todos os axentes implicados, co fin de axuntar os orzamentos de fondos públicos cos esforzos investidores de capital privado fomentando o desenvolvemento tecnolóxico e por tanto económico de Galicia.

O Plan Director de Banda Larga está constituído por catro obxectivos estratéxicos a través dos cales se busca materializar a visión para alcanzar a misión do plan. Estes obxectivos baséanse na redución do desequilibrio territorial, a modernización da administración pública, a xeración de competitividade e innovación e a máxima cooperación posible entre os distintos axentes involucrados. As súas liñas estratéxicas son:

Desenvolvemento de infraestruturas: esta liña estratéxica ten por obxectivo desenvolver unha infraestrutura de telecomunicacións moderna e sustentable, acorde ás necesidades de Galicia e aos requirimentos do actual desenvolvemento tecnolóxico, que atendendo a criterios de vertebración territorial e cohesión social, garanta a cidadáns e empresas de todo o territorio rexional o seu dereito de acceso aos servizos avanzados da Sociedade da Información.
Desenvolvemento de actuacións facilitadoras do despregamento: esta liña estratéxica ten por obxectivo desenvolver todas aquelas actuacións que permitan a utilización óptima dos recursos e infraestruturas existentes, tanto públicas como privadas e, ao mesmo tempo promover accións específicas para a compartición de infraestruturas entre os distintos axentes, establecendo actuacións que faciliten e motiven o desenvolvemento e construción de novas infraestruturas e, coordinando as accións e procedementos entre as distintas administracións locais.
Fomento e incentivación da demanda: esta liña estratéxica ten por obxectivo incentivar a demanda para o emprego das infraestruturas de banda larga despregadas e postas ao servizo dos cidadáns e empresas, a través dunha comunicación clara e directa dos beneficios do emprego das novas tecnoloxías para o desenvolvemento da Sociedade da Información, así como do desenvolvemento de plans de incentivación e de subvención vinculados.