Plan estratéxico Galicia 2010-2014

O Plan estratéxico Galicia 2010-2014 parte dunha reflexión prospectiva a longo prazo, na que se identifican os retos que Galicia afrontará no futuro, resumidos en tres grandes grupos: o problema demográfico, a competitividade da economía e o respecto medioambiental e aproveitamento enerxético

O Plan estratéxico Galicia 2010-2014 é unha estratexia de planificación para a segunda década do século XXI, como garantía de anticipación co fin de poder gañar en produtividade e competitividade e impulsar un novo modelo socioeconómico para Galicia.

O seu obxectivo global é o crecemento sustentable e a creación de emprego, aumentando a cohesión social e o equilibrio territorial.

O Plan parte dunha reflexión prospectiva a longo prazo, na que se identifican os retos que Galicia afrontará no futuro, resumidos en tres grandes grupos: o problema demográfico, a competitividade da economía e o respecto medioambiental e aproveitamento enerxético. Asume como obxectivos e prioridades propias os principios orientadores da estratexia económica da Unión Europea, que se formulan a partir dun crecemento económico sostido por tres prioridades: crecemento intelixente, crecemento sostible, crecemento integrador.

Eixes estratéxicos e obxectivos

Os eixes de actuación estratéxicos do plan, xunto cos seus obxectivos específicos, son:

Cohesión social, benestar e calidade de vida: piar sobre o que se asentan as prestacións de servizos esenciais para garantir o benestar social, a igualdade de acceso aos servizos públicos básicos de calidade na sanidade, educación e atención á dependencia.

  • Revitalización demográfica, impulsando os nacementos e fomentando a conciliación da vida familiar e laboral
  • Garantir unha prestación sanitaria pública e da calidade para todos/as os/as galegos e galegas
  • Garantir o acceso á educación e á cultura en condicións de igualdade no marco dun ensino de calidade para unha Galicia formada, innovadora e trilingüe
  • Atención ao benestar social
  • Impulsar a igualdade de oportunidades, a inclusión social e a mellora dos servizos sociais

Dinamización económica, crecemento e emprego: implicación no apoio aos sectores produtivos, á creación de riqueza, á mellora de da competitividade, á preparación da cidadanía, as apostas pola valía persoal e profesional. Postos de traballo de calidade, competitivos e permanentes.

  • Facilitar a mobilidade das persoas e o acceso aos mercados, aumentando a accesibilidade do territorio, e mellorar as redes de transporte e a seguridade viaria
  • Internacionalizar a economía galega, fomentando o investimento empresarial o espírito emprendedor e a innovación nas empresas
  • Potenciar a competitividade dos sectores estratéxicos mediante a política de clusters e o fomento da innovación e cooperación empresarial
  • Acadar emprego de calidade mediante a cualificación dos/as traballadores/as e a mellora das condicións de empregabilidade a través do fomento das políticas activas e preventivas no mercado laboral galego

Economía do coñecemento: Galicia proponse impulsar a economía do coñecemento aplicada ás necesidades do tecido empresarial da rexión, investindo de xeito eficaz naqueles elementos do Sistema de Innovación que maiores vantaxes e rendemento poidan achegar á economía.

  • Construír unha sociedade competitiva baseándose na investigación e o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación empresarial, como garantía de crecemento
  • Modernizar e promover a aplicación e emprego xeral das TIC nos ámbitos produtivos, social e dos servizos públicos

Sostibilidade ambiental e equilibrio territorial: Galicia ten que converter o seu territorio na mellor e máis valiosa das súas vantaxes comparativas.

  • Converter o contorno natural nun factor positivo para o desenvolvemento de Galicia e una mellora da calidade de vida
  • Desenvolvemento equilibrado e sostible do territorio eliminando as disparidades territoriais e integrando a Galicia como cidade única
  • Eficiencia enerxética como fonte de riqueza e resposta aos desafíos do cambio climático

Administración austera, eficiente e próxima ao cidadán: impulsar reformas administrativas que eliminen trabas á iniciativa emprendedora, prioricen a austeridade e racionalidade do gasto administrativo e garantan os principios do mérito e capacidade no acceso á función pública.

  • Acadar unha Administración moderna e próxima, optimizando os recursos materiais e humanos mediante a implantación de novos sistemas e procedementos de xestión e xeneralizando o emprego das TIC en todos os seus ámbitos de actuación
  • Reforzo da capacidade institucional e financeira de Galicia