A Xunta terá por primeira vez presenza institucional na feira alemá Prowein, na que promocionará os viños de 16 adegas galegas de cara a abrir novos mercados

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural, contará no evento cun posto propio que agrupará a estas empresas, e que xunto cos consellos reguladores, tamén presentes neste espazo, representarán en Düsseldorf ás cinco DO da nosa comunidade

A presenza do goberno autonómico permitirá integrar baixo o espazo propio identificado como “Galicia” ás adegas e os consellos reguladores das DO galegas, ademais de impulsar un programa de actividades para os profesionais co fin de lograr unha maior repercusión comercial

A zona institucional de Galicia tamén terá un túnel de viños, augardentes e licores coas 32 referencias premiadas cos “Acios” nas Catas de Galicia 2023, onde poderán degustarse estas bebidas, en maridaxe con outros produtos galegos con calidade diferenciada

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2024

A Xunta terá por primeira vez presenza institucional na feira ProWein, que se celebrará na cidade alemá de Düsseldorf do 10 ao 12 de marzo, e na que promocionará os viños de 16 adegas galegas participantes, co obxectivo de abrir novos mercados e seguir impulsando este sector. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural, contará neste certame -líder a nivel internacional no sector do viño e as bebidas espirituosas- cun posto propio, baixo o que integrará ás empresas vitivinícolas que, xunto cos consellos reguladores -que tamén estarán presentes dentro do stand de Galicia-, representarán en Alemania ás cinco denominacións de orixe de viños de Galicia (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras).

 

O espazo da Xunta en ProWein estará dividido en dúas illas, situadas ambas no pavillón 11 do recinto feiral. Ocupará en total 175 m² de superficie, nunha área reservada próxima ao pavillón de España, xestionado polo ICEX España Exportación e Inversiones. Na zona institucional de Galicia tamén haberá un túnel de viños, augardentes e licores coas 32 referencias premiadas cos “Acios” nas Catas de Galicia 2023, onde poderán degustarse estas bebidas, en maridaxe con outros produtos galegos con calidade diferenciada. Este espazo estará atendido polo sumiller Alejandro Paadín, que se encargará das explicacións técnicas aos profesionais que asistan á feira.

 

A presenza da Xunta permitirá integrar baixo un espazo propio identificado como “Galicia” ás adegas participantes en Prowein e aos propios consellos reguladores, favorecendo a representación conxunta dos viños da nosa comunidade, ademais de ofrecer apoio técnico e un programa de actividades interesantes para os profesionais do sector.

 

Neste sentido, e co fin de lograr unha maior repercusión comercial, no marco desta feira organizaranse visitas guiadas polo espazo de Galicia, dirixidas a pequenos grupos de profesionais alemáns do sector da hostalaría, distribución e xornalismo. Neste percorrido enogastronómico, Alejandro Paadín mostrará a influencia dos climas, solos e variedades autóctonas na diversidades dos nosos viños.

 

Sobre a feira

ProWein, a feira máis importante no sector do viño e as bebidas espirituosas, comezou a súa traxectoria no ano 1994 con tan só 2.300 m² e con 321 expositores, distribuídos en apenas dous pavillóns e con 1.517 visitantes. Este ano serán cerca de 71.000 m² en 13 pavillóns. Ademais, nesta edición participarán máis de 50.000 profesionais do viño e as bebidas espirituosas de todo o mundo e están inscritos uns 5.700 expositores de máis de 60 países. É un evento de referencia mundial onde se abordan as tendencias actuais da industria en forma de mostras, exposicións especiais ou foros.

Data de actualización: 02/03/2024