A Xunta e a Fiscalía Superior de Galicia traballan en seguir mellorando o sistema de protección á infancia e adolescencia

A conselleira en funcións de Política Social e Xuventude, Fabiola García, mantivo esta semana unha reunión de traballo co fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2024

A conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García, e o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, mantiveron o mércores desta semana unha reunión de traballo para analizar medidas para unha maior coordinación entre a Fiscalía e a Xunta co obxectivo de seguir mellorando o sistema de protección á infancia e adolescencia.

No encontro, que tivo lugar nas dependencias da Administración autonómica en San Caetano, participaron responsables da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica e da Fiscalía. Algúns dos temas abordados foron os recursos de atención a menores en situación de vulnerabilidade, a importancia de que a atención nestes casos sexa o máis rápida posible ou como afrontar o regreso do neno ou adolescente á contorna familiar cando isto é posible.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/03/2024