A Xunta reforza a súa aposta pola formación empresarial para gandeiros con dous novos cursos en Santa Comba e Lalín

As xornadas formativas terán lugar o luns 11 no edificio polivalente Manuel Rivero de Lalín (Pontevedra) e o martes 12 no Edificio Multiusos de Santa Comba (A Coruña), en horario de mañá e tarde

Facilitarase formación económica e tamén sobre como optimizar a fiscalidade na xestión das explotacións gandeiras, entre outras materias
 

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2024

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza dúas xornadas formativas para gandeiros, que entran dentro das actividades sectorais da Consellería do Medio Rural, sobre a xestión das súas explotacións, centradas na optimización fiscal e a formación económica, que terán lugar a vindeira semana en Lalín (Pontevedra) e Santa Comba.

A primeira delas impartirase no edificio polivalente Manuel Rivero de Lalín o vindeiro luns 11 de marzo e a segunda terá lugar no Edificio Multiusos de Santa Comba ao día seguinte, martes 12. En ambos casos, o horario será de mañá e tarde (de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 horas) e abordaranse tres bloques formativos.

Módulos formativos

O primeiro bloque formativo versará sobre tributación básica e optimización fiscal. Participar neste módulo permitiralle aos alumnos coñecer as diferentes formas que teñen ao seu dispor para emprender e desenvolver a súa actividade gandeira a través das súas vantaxes e inconvenientes e a súa fiscalidade. Tamén, identificar medidas ou incentivos que facilitarán a súa optimización.

O segundo bloque centrarase na contabilidade para non financeiros e facilitará formación para comprender conceptos básicos que favorezan a súa toma de decisións e o deseño de estratexias relacionadas coa súa explotación gandeira. Tamén permitirá aos participantes ler os estados financeiros básicos (balance de situación e conta de resultados) e entender a súa relevancia para xestionar a súa actividade de modo dilixente. Así mesmo, poderán implantar ferramentas financeiras básicas que lles ofrezan que lles ofrezan información sobre a rendibilidade, liquidez e solvencia do seu negocio.

Por último, o terceiro módulo formativo, titulado “xestionar de modo eficiente” terá por obxecto darlles a coñecer aos asistentes ferramentas informáticas que faciliten a xestión diaria do seu negocio. Tamén lles permitirá deseñar un sistema de indicadores e gráficos (cadro de mando) cos que obter unha visión xeral, obxectiva e en tempo real da súa explotación, que lles axudará na súa toma de decisións ao instante.

Data de actualización: 03/03/2024