A Xunta estabilizará este ano preto de 5.700 postos de traballo

A Consellería de Facenda e Administración Pública ten xa en marcha 210 procesos de estabilización no marco da Lei 20/21 de medidas urxentes

Destes procesos, 151 non comportan a realización de ningún tipo de proba pois o sistema de acceso é o de concurso de méritos

Todos garanten os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2024

A Xunta estabilizará este ano 2024 preto de 5.700 postos de traballo logo da finalización dos procesos de estabilización que está a realizar a Administración autonómica incluídos na Lei 20/21 de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

 

No marco da Lei 20/21 a Xunta ten xa en marcha 210 procesos que permitirán estabilizar un total de 5.677 postos de traballo. En 151 destes procesos e 5.030 prazas non se realiza ningún tipo de exame pois o sistema de acceso articúlase a través dun concurso de méritos. A Consellería de Facenda e Administración Pública xa está acometendo a fase de méritos de todos eles.

 

Ademais, en 40 dos 59 procesos de estabilización restantes que si comportan a realización de probas pois o sistema de acceso é o de concurso-oposición, a parte da oposición xa está concluída.

 

Todos estes procesos respectan e garanten os principios constitucionais de acceso á Función Pública: os principios de igualdade, mérito e capacidade.

 

Procesos de estabilización anteriores á Lei 20/21

Por outra banda, a Xunta xa executou nos anos 2022 e 2023 un total de 39 procesos de estabilización anteriores á aprobación da Lei 20/21 de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. Estes 39 procesos permitiron estabilizar máis de 830 postos de traballo. E a maiores, neste 2024 estase a executar a fase de méritos doutros sete procesos anteriores tamén a esa lei.

 

O conxunto de todos estes procesos selectivos -tanto dos anteriores á Lei 20/21 como dos realizados no marco desa lei- comportan a atribución da condición de persoal funcionario de carreira ou persoal laboral fixo a máis de 6.500 persoas entre os anos 2022, 2023 e 2024.

Data de actualización: 03/03/2024