O conselleiro de Cultura en funcións visita os traballos que se están levando neste ben

Román Rodríguez anuncia que a restauración da Capela da Soidade de Lugo rematará en abril

O responsable de Cultura explicou que o desenvolvemento da obra non impedirá a saída dos pasos de Semana Santa de Lugo, festa de Interese Turístico de Galicia

O obxectivo desta actuación, que está xa na fase final, é corrixir os problemas causados pola humidade e recuperar a súa imaxe orixinal

Cun investimento de máis de 200.000€, a intervención dá continuidade á levada a cabo pola Administración autonómica no ano 2015 para restaurar a cuberta

Lugo, 2 de marzo de 2024

As obras de restauración da Capela da Soidade da Venerable Orde Terceira en Lugo rematarán o vindeiro mes de abril. Así o a anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, nunha visita a este ben para comprobar o desenvolvemento dos traballos impulsados polo Goberno galego cun investimento de máis de 200.000€.

Tal e como explicou o representante autonómico de Cultura, as obras de restauración atópanse xa na súa etapa final e non van a supoñer un impedimento para a saída dos pasos de Semana Santa. “Somos conscientes da importancia que ten esta celebración para a cidade de Lugo, cuxa Semana Santa está declarada de Interese Turístico de Galicia, e por iso os técnicos falaron xa coas confrarías implicadas para garantir o acceso seguro á igrexa para saír cos pasos”, engadiu.

Neste senso, Román Rodríguez precisou que o obxectivo da actuación impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades é solucionar os problemas causados pola humidade corrixindo a entrada de auga a través do muros e do chan e recuperar a imaxe orixinal da capela. Para iso, as actuacións que se levaron a cabo inclúen traballos no pavimento, na nave, nos muros exteriores, nas carpinterías e no elemento escultórico pétreo de San Luis.

Interior e exterior da igrexa

Deste xeito, no interior da igrexa, os técnicos sanearon o pavimento e os zócalos renovando os materiais para mellorar o illamento mediante unha capa de pedra e unha soleira ventilada. Sobre isto, asentáronse xa cangos de madeira para, nesta última fase, cravar a tarima de castiñeiro tratada cun aceito protector con acabado natural.

Así mesmo, co fin de evitar novos problemas a raíz da humidade, instaláronse tubos de ventilación que facilitan a drenaxe e colocouse un zócalo de granito na porta da sancristía que axude a minimizar a entrada da auga do exterior. Cómpre destacar que esta carpintería tamén foi restaurada substituíndo os elementos deteriorados.

Na parte exterior do ben os traballos inclúen a limpeza das fachadas, o picado das xuntas e a renovación do rexuntado mediante a aplicación dun morteiro de cal hidráulica natural. No tocante ás carpinterías e ferraxería, cambiouse aquelas que así o requirían e arranxouse o resto de elementos mediante un decapado da pintura e a aplicación dunha nova capa.

Compromiso co patrimonio

Esta actuación dá continuidade á levada a cabo pola Xunta de Galicia no ano 2015 para restaurar a cuberta e solucionar unha das principais vías de entrada de auga, así como para renovar as comunicacións verticais na zona da sancristía mediante a execución dunha nova escaleira de madeira.

Ademais, no ano 2022 levouse a cabo unha sondaxe valorativa no interior da capela que deu como resultado principal a localización de varios niveis alterados do que posiblemente fose a necrópole que desde o século XVIII alberga este espazo e a localización do segundo muro ou tirante de cimentación, dos cinco nos que estaba compartimentada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/03/2024