O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asinou hoxe un convenio de formación coa Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense

Alumnado na especialidade de Atención sociosanitaria fará prácticas non laborais en centros de maiores da rede pública da Xunta

Participantes no programa de emprego ‘Manco Xove’ completarán a súa formación en centros de día do ente autonómico

Paderne de Allariz (Ourense), 1 de marzo de 2024

A Xunta de Galicia renovou hoxe o convenio de formación coa Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense para que alumnado do programa de emprego Manco Xove realice prácticas non laborais en centros de maiores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O xerente do ente autonómico, Perfecto Rodríguez, e o presidente da Mancomunidade ourensá, José Antonio Blanco Pérez, asinaron este acordo que se formalizou por primeira vez no curso 2020-2021.

Perfecto Rodríguez destacou a importancia desta colaboración para que alumnos da especialidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais poidan completar a súa formación e ter as súas primeiras experiencias laborais en centros de maiores que forman parte da rede pública autonómica. Con este obxectivo, o Consorcio ofrece a estas persoas a posibilidade de facer prácticas nos seus centros de día e, ademais, coa vantaxe de que están situados en Ourense ou na súa contorna, de tal xeito que non teñen facer longos desprazamentos. Así, en convocatorias anteriores as prácticas desenvolvéronse nos servizos de atención diúrna de Allariz, Maceda ou no centro interxeracional de Ourense.

Durante o período de formación os alumnos ocúpanse de planificar tarefas para actividades de apoio aos maiores usuarios; realizar actuacións de carácter psico-social baixo a orientación técnica dos profesionais do servizo ou levar a cabo actividades que teñen que ver coa súa integración na comunidade, entre outras funcións propias do funcionamento diario do centro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/03/2024