A Xunta amplía un mes máis, ata o 22 de abril, o prazo de presentación de solicitudes das axudas para a mellora de explotacións e a incorporación de activos ao agro

Deste xeito, os interesados disporán de máis tempo para tramitar estas subvencións, que teñen unha gran importancia no agro galego

A ampliación do prazo inicial, que era de dous meses, farase efectiva en vindeiras datas mediante a publicación da correspondente disposición no DOG

Mediante estas achegas, dotadas con 47 M€, búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción, co fin de mellorar a competitividade

Ademais, procúrase o rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego no sector, con especial consideración cara ás mulleres, co obxectivo último de fixar poboación no rural
 

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2024

A Xunta decidiu ampliar ata o vindeiro día 22 de abril -un mes máis- o prazo de presentación de solicitudes das axudas para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas e para a creación de empresas de agricultores mozos ou para persoas de entre 41 e 55 anos.

Deste xeito, os interesados disporán de máis tempo para tramitar estas subvencións, que teñen unha gran importancia no agro galego. O prazo inicial era de dous meses e a súa ampliación publicarase en vindeiras datas mediante a correspondente disposición no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A convocatoria destas achegas publicouse o pasado día 22 de xaneiro no DOG, cunha dotación económica de 47 millóns de euros. Estas subvencións pertencen ao Plan estratéxico da política agraria común (Pepac) de España 2023-2027. O orzamento está cofinanciado nun 12% pola Administración xeral do Estado, nun 28% pola Xunta de Galicia e nun 60% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Mediante estas axudas búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ademais, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e fomentar o emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural.

Reparto de partidas

En particular, a partida asignada para sufragar investimentos en explotacións agrícolas (os coñecidos como plans de mellora) é de 28 millóns (27 para as explotacións e 1 millón, en concreto, para as de pequeno tamaño); para a incorporación de mozos ao agro destínanse 16 millóns de euros, aos que se lle suman 3 millóns dunha nova liña destinada para persoas de entre 41 e 55 anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/02/2024