A Xunta abre o prazo do premio de relato curto ‘Nortear’ para obras escritas en galego ou portugués

Dotada con 3.000 euros, a iniciativa está impulsada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, en colaboración coa CCDR-Norte I.P

O prazo de presentación das candidaturas permanecerá aberto ata o 19 de xullo
 

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2024


A Xunta abriu o prazo para participar na 10º edición do premio de relato curto Nortear, impulsado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, en colaboración coa CCDR-Norte I.P, e que recoñece obras en galego ou portugués.

Dotada con 3.000 euros, a iniciativa diríxese á mocidade de entre 16 e 36 anos de Galicia ou do norte de Portugal, que teñan unha escrita orixinal e inédita de 5.000 a 8.000 palabras de extensión. Ademais de recibir a dotación económica, a persoa gañadora verá o seu traballo publicado nas linguas galega e portuguesa.

O prazo para presentar as candidaturas permanecerá aberto ata o 19 de xullo a través da web da plataforma Nortear (https://nortear.gnpaect.eu/)

O premio converteuse nunha plataforma de lanzamento para a mocidade escritora da Eurorrexión, ao distinguir anualmente obras literarias orixinais, incentivar a creatividade literaria e promover a distribución das obras alén as fronteiras. Cofinanciado polo Programa Operativo de Cooperación Transfroteiriza España-Portugal (POCTEP), trátase dun espazo cultural compartido no marco da colaboración continuada entre a Xunta e a CCDR-Norte I.P a prol do coñecemento mutuo da cultura, a literatura e a creación artística en xeral.

As persoas gañadoras das anteriores edicións do premio Nortear, ás que concorreron case 400 obras, foron Lara Dopazo Ruibal, Rui Cerqueira Coello, Cecília Santomé, Sara Brandão, Sabela Varela, Célia Fraga, Pedro Rodríguez Villar, Marta Pais de Oliveira e Vicente Vázquez.

Data de actualización: 29/02/2024