O hotel temático do Banco Azul de Fisterra recibe a certificación de Galicia Calidade

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, visitou hoxe o establecemento, que coa súa incorporación permite sumar un total de 39 establecementos de hostalería co selo de garantía da Xunta de Galicia no conxunto das preto de 170 empresas certificadas

Fisterra (A Coruña), 29 de febreiro de 2024

Galicia Calidade, organismo dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, entregoulle hoxe o certificado que acredita o dereito de uso do selo de garantía Galicia Calidade ao hotel temático do Banco Azul, situado en Fisterra (A Coruña). Este certificado permitirá ao establecemento incluír a nova sinalización na súa fachada, así como engadir o distintivo nas diferentes accións para a súa promoción comercial.

No acto de entrega, a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, destacou a “privilexiada localización” deste hotel, situado no corazón da Costa da Morte, xunto ao mar, entre o porto pesqueiro e a praia de Ribeira e fronte ao Castelo de San Carlos.

A Casa do Banco Azul foi sempre referente para a poboación de Fisterra, e o banco que a rodea era lugar de reunión, debate e espera dos barcos. O seu nome vén dado pola cor azul dos bancos do Congreso. Na actualidade, o hotel conta cun total de sete habitacións, sendo algunhas delas dúplex con capacidade para catro persoas, algo que o fai único en oferta hostaleira da zona, que comparte, entre outros, co Hotel Faro Lariño e co Semáforo de Fisterra, ambos establecementos certificados tamén co selo de garantía.

Galicia Calidade é a marca que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta con 168 empresas adheridas, 39 delas do sector da hostalería, con máis de 850 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/02/2024