O Simposio Internacional de Frondosas aborda na súa segunda xornada a resiliencia e o cambio climático dentro do sector forestal

O foro, organizado pola Axencia Galega da Industria Forestal, arrancou esta mañá da man da investigadora finlandesa Pekka Ritvanen, cun relatorio sobre a densificación e o termotratamento para a construción con bidueiro

De seguido, sucederanse tres charlas sobre a densificación con frondosas, o contrachapado e bioprodutos do biudeiro e produción de lignina, a cargo de expertos de tres países europeos

Este evento rematará mañá, cunha sesión centrada na transición dixital e outra vencellada coas estratexias rexionais de frondosas que se están a aplicar en Europa
 

Lugo, 29 de febreiro de 2024

O Simposio As frondosas autóctonas, a resiliencia do sector forestal? celebra hoxe a súa segunda xornada, centrada nas oportunidades e desafíos presentes para a industria forestal. O foro, organizado pola Axencia Galega da Industria Forestal, arrancou esta mañá da man da investigadora finlandesa Pekka Ritvanen, cun relatorio sobre a densificación e termotratamento para a construción con bidueiro.

De seguido, sucederanse no encontro, que se celebra ata mañá nas instalacións da UNED de Lugo, tres charlas sobre a densificación con frondosas, o contrachapado e bioprodutos do biudeiro e a produción de lignina. Estas ponencias estiveron a cargo do experto suízo Oliver Kläusler, quen presentou, entre outras iniciativas, tarxetas de crédito elaboradas con abeto, cerdeira ou arce; o letón Michael Kern, quen puxo o aceno na molécula chamada betulina que se extrae da cortiza dos bidueiros e que se pode utilizar usos cosméticos farmacéuticos ou alimentarios; e a sueca Ewellyn Capanema, sobre a produción de lignina e os procesos ligados á fabricación de pasta de papel.

Este evento acolle hoxe tamén un obradoiro sobre a avaliación da resiliencia con intervencións de investigadores de tres nacionalidades diferentes e unha mesa redonda sobre a industria das frondosas en Galicia dentro do proxecto europeo “Resonate”, financiado co Programa Marco denominado “Horizonte 2020”.

A xornada de hoxe finalizará despois do xantar, cunha visita técnica ao aserradoiro de castiñeiro Maderas Gayoso. O simposio rematará mañá, cunha sesión centrada na transición dixital e outra vencellada coas estratexias rexionais de frondosas que se están a aplicar en Europa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/02/2024