A Xunta renova o seu apoio á Semana Santa de Lugo, declarada de Interese Turístico Galego

Lugo, 29 de febreiro de 2024

O Goberno galego renovará un ano máis os apoios que destina á Semana Santa de Lugo, declarada de interese turístico de Galicia e cuxa programación presentaron hoxe na Catedral o presidente da Xunta de Confrarías, Ramón Basanta, e o vicario xeral da Diocese de Lugo, Mario Vázquez.

O acto contou tamén coa participación da secretaria territorial da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, quen agradeceu “o traballo desinteresado dos responsables e de todos os membros das Confrarías” e lembrou que “ese labor, que ten unha dimensión estritamente relixiosa, repercute favorablemente na dinamización económica e social da cidade”.

A Xunta colabora tamén na conservación do patrimonio monumental relixioso da cidade e actualmente executa obras de restauración na Capela da Soidade, ás que destina case 186.000 euros. O obxectivo é corrixir as filtracións de humidade que danaban a estrutura e ameazaban os elementos interiores, entre eles dúas das tallas máis emblemáticas da Semana Santa lucense, a Virxe da Soidade e o Cristo Xacente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/02/2024