O encontro enmárcase no programa ‘Coñecendo as emocións’ impulsado polos Espazos +60 de Afundación

A Xunta participa nunha xornada sobre a xestión das emocións durante o envellecemento

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou os programas e axudas a entidades que ten en marcha o Executivo autonómico para favorecer un envellecemento activo, entre eles o novo Carné +65

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2024

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou hoxe na sesión inaugural da xornada sobre ferramentas para o benestar no transcurso vital, que se enmarca no programa ‘Coñecendo as emocións’ impulsado polos Espazos +60 de Afundación. Neste encontro, celebrado en horario de mañá e tarde no centro social de Abanca, abordouse como favorecer un bo envellecemento.

 

O director xeral sinalou os programas e axudas a entidades que ten en marcha a Xunta de Galicia para favorecer un envellecemento activo e saudable. Así mesmo, destacou que os galegos de máis idade xa están a recibir nas súas casas o Carné +65, que desde o pasado mes de febreiro ofrece descontos e vantaxes en ámbitos como o ocio e tempo libre, o autocoidado, a cultura ou as viaxes.

 

Durante a sesión abordáronse cuestións como as emocións durante o envellecemento ou a aprendizaxe de ferramentas para xestionalas, ademais de avaliarse os resultados do programa ‘Coñecendo as emocións’, en cuxo deseño participaron os maiores usuarios dos Espazos +60 de Afundación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/02/2024