A Xunta e a Comisión Europea abordan a nova visión da acción exterior europea

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou a primeira sesión do ano do ciclo ‘Encontros Virtuais Xunta-UE’

Neste novo encontro organizado pola Fundación Galicia Europa debateuse sobre ‘Global Gateway’, o novo marco estratéxico da UE para a acción exterior
 

Bruxelas, 28 de febreiro de 2024

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou e moderou hoxe a primeira reunión de 2024 do ciclo de ‘Encontros Virtuais Xunta-UE’, o foro de debate entre o goberno galego e as institucións europeas organizado mensualmente pola Fundación Galicia Europa (FGE). A sesión de hoxe centrouse na Global Gateway, a estratexia que aglutina os esforzos da Unión Europea por aumentar a súa presencia global mentres promociona valores democráticos compartidos e contribúe ao desenvolvemento dos seus países socios.

Neste marco estratéxico presentado en 2021, o Equipo Europa -composto pola UE, os Estados membros, as axencias nacionais de desenvolvemento e o Banco Europeo de Inversións- pretende mobilizar preto de 300.000 millóns de euros ata 2030 para crear vínculos globais que impulsen o investimento en infraestruturas climáticas, enerxéticas ou dixitais. Isto ofrecerá  “seguridade e equidade ós inversores, sostibilidade para os socios e beneficios a longo prazo para todos”. No encontro de hoxe, a visión institucional da Global Gateway foi presentada por Laurent Sillano, asesor na Dirección Xeral de Asociacións Internacionais (DG INTPA) da Comisión Europea.

A perspectiva galega foi abordada por José Manuel Blanco, subdirector xeral de Análise e Programación na Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, quen lle achegou aos asistentes a Estratexia galega de Acción Exterior (Egaex) para o período 2023-2027, o instrumento co que Galicia aproveita as oportunidades de internacionalización e avalía a súa influencia exterior.

Encontros virtuais entre a Xunta e as institucións europeas

O ciclo de Encontros Virtuais Xunta-UE reúne cada mes á Xunta de Galicia con representantes das institucións europeas para abordar de forma conxunta as políticas impulsadas desde a UE. Organizado pola Fundación Galicia Europa dende setembro do 2020, fomenta o debate de multitude de temas da axenda comunitaria, como a Estratexia Industrial para Europa, o Pacto Verde ou a Axenda Dixital Europea.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2024