O titular de Mar promove a campaña AMAR GALICIA

Alfonso Villares reivindica a promoción do consumo de peixes, mariscos e conservas galegos como a mellor fórmula de apoiar aos profesionais do mar

O conselleiro do Mar destaca o protagonismo dos fogares e establecementos hostaleiros á hora de promocionar as bondades e propiedades nutritivas destes alimentos

Denuncia que o Executivo central manteña a negativa a rebaixar o IVE aos produtos do mar, a falta de novidades sobre o Perte específico para o sector e que non defenda os intereses da cadea mar-industria ante a Unión Europea

Teo (A Coruña), 28 de febreiro de 2024

O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, continúa coa súa axenda de visitas a peixerías da comunidade co obxectivo de difundir a campaña posta en marcha pola Consellería do Mar AMAR GALICIA co obxectivo de promover a confianza na calidade dos produtos do mar, resaltar a súa variedade e sabor así como a súa propiedades nutritivas e beneficios para a saúde dos consumidores. O responsable autonómico visitou a peixería Mari Carmen na localidade coruñesa de Teo onde, acompañado pola alcaldesa do municipio, Lucía Calvo, fixo entrega a este establecemento dos carteis da campaña.

O titular de Mar subliñou o transcendental papel que xogan as peixerías e as persoas que as rexentan que, grazas a súa relación directa e de confianza cos clientes, xogan un papel indispensable na promoción do consumo de alimentos mariños, contribuíndo a que cheguen a súas mesas e reivindicou o consumo dos peixes, mariscos e conservas galegos como a mellor fórmula de apoiar aos profesionais do mar. 

Alfonso Villares puxo en valor o protagonismo dos fogares e establecementos hostaleiros á hora de difundir as bondades e a altísima calidade dos produtos do mar galegos e Nesta liña, sinalou que nada diso sería posible sen o traballo e compromiso do conxunto dos máis de 50.000 profesionais que traballan nas diferentes etapas da produción pesqueira que aglutina, desde a captura, cultivo e recolección da materia prima á súa transformación e posterior distribución.

O conselleiro reiterou a importancia de traballar xuntos para que os peixes, mariscos, conservas e outros transformados do mar galegos cheguen cada vez a máis bocas, pois por un lado refórzase a un sector económico que xera preto do 5 % do PIB de Galicia, sendo o cuarto máis relevante. Unha actividade da que viven milleiros de familias e que se sustenta sobre a confianza na calidade destes alimentos, sobre a variedade e o sabor inigualable que ofrecen peixerías e mercados.

Abandono ao sector       

O titular de Mar denunciou unha vez máis a falta de diálogo do Goberno central co sector e a súa reiterada negativa a cumprir con algunhas das súas demandas como a rebaixa do IVE aos produtos pesqueiros ou a activación dun Perte específico cunha dotación económica suficiente para facer fronte a transformación da cadea mar-industria. Neste punto recordou que fronte os 400 millóns que reclama o sector ou os 1.000 millóns dedicados ao Perte Agroalimentario, o Goberno central fala de dotalo con só 50 millóns de euros.

Alfonso Villares tamén amosouse moi crítico co papel do Goberno do Estado nas negociacións coas institucións comunitarias así como da súa posición na aprobación da lei de Restauración da Natureza da Unión Europea recentemente aprobada no Parlamento Europeo. O responsable autonómico sinalou que a protección do medio ambiente debe ser compatible coa soberanía alimentaria así como coa sustentabilidade social e económica do territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2024