A Xunta destaca a calidade da gastronomía galega a través dos participantes do concurso Santiago (É)Tapas

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañou hoxe ao xurado profesional do evento para degustar algunhas das propostas elaboradas por hostaleiros santiagueses

A Axencia colabora coa entrega de lotes de produtos con selo de denominación de orixe protexida ou indicación xeográfica protexida para os participantes
 

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2024

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou hoxe en Santiago de Compostela nun roteiro acompañado polo xurado profesional do concurso Santiago (é)Tapas no que avaliou as propostas no certame de Botafumeiro e o bar El Muelle, dous establecementos de hostalaría santiagueses participantes neste certame que remata o vindeiro venres.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria colabora neste concurso organizado por Turismo de Santiago, en coordinación con Hostelería Compostela, no que participan 41 locais da cidade distribuídos por cinco (é)tapas diferentes, segundo a súa localización. O director da Axencia aproveitou a ocasión para poñer en valor a calidade dos produtos gastronómicos galegos, amparados en moitos casos por certificacións como denominacións de orixe protexidas (DOP) ou indicacións xeográficas protexidas (IXP).

Por outra banda, as persoas que rematan cada unha das etapas poden conseguir produtos que se atopan dentro das experiencias de calidade como botes de IXP Grelos de Galicia, lotes de IXP Mel de Galicia premiadas, queixos das DOP Cebreiro, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Queixo Tetilla; lotes de IXP licores e augardentes, IXP Tartas de Santiago, viños das DO Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras, Rías Baixas ou Monterrei e das IXP Barbanza e Iria-Betanzos, Val do Miño-Ourense, Ribeiras do Morrazo e Terras do Navia, packs de produtos de artesanía alimentaria ou receitarios e guías de viños.

Este ano tamén se incentivou e premiou a participación dos hostaleiros no concurso con diversas accións entre as que destaca a entrega dun paquete de benvida de Experiencias de Calidade da Axencia Galega da Calidade Alimentaria cunha selección de produtos a un deles. O obxectivo é que os profesionais do sector coñezan o produto galego con certificación de calidade e poñelos en contacto cos propios produtores, sensibilizándoos de que o seu consumo contribúe a dinamizar o rural galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2024