A conselleira de Política Social e Xuventude en funcións visitou as novas instalacións desta entidade no Carballiño
Fabiola García asiste á inauguración da nova residencia de atención á discapacidade de Aspadisi á que a Xunta destinou máis de 600.000 euros
Contará con 32 prazas de atención residencial que se complementan coas 25 ofertadas no seu centro ocupacional
A conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García, asistiu esta mañá á inauguración da nova residencia de Aspadisi no Carballiño, en cuxa construción o Goberno galego colaborou cunha axuda de máis de 600.000 euros. Durante o evento sinalou que a Xunta colabora co tecido social para levar a mellor atención ás persoas con discapacidade de toda Galicia.
Este centro contará con 32 prazas de atención residencial que estarán operativas nesta mesma semana e que se completarán coa atención prestada no centro ocupacional desta entidade, con capacidade para 25 persoas. A Xunta colabora con Aspadisi no financiamento de prazas nestas instalacións e tamén lle acaba de conceder unha axuda para a adquisición dun vehículo adaptado que mellore a atención dos seus usuarios.
Fabiola García destacou que o Goberno galego está sempre a carón do tecido social para mellorar as súas prestacións e para aproveitar o seu coñecemento e experiencia nunha atención de calidade a todas as persoas con discapacidade. Neste sentido, apuntou que a Xunta incrementou o orzamento destinado a esta área nos orzamentos deste ano 2024 ata superar a barreira dos 170 millóns de euros.