A protectora Os Biosbardos de Ponteareas recibiu en 2023 máis de 40.000 € en axudas da Xunta para financiar a súa actividade

Agustín Reguera visitou as instalacións da protectora e coñeceu os principais retos aos que se enfronta a diario esta entidade

Asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía da provincia de Pontevedra recibiron o ano pasado preto de 110.000 € dos máis de 210.000 concedidos en Galicia a este tipo de organizacións

A estas achegas engádense as destinadas a entidades locais, que acadaron os 230.000 €, dos que 66.000 € foron para organismos pontevedreses

Ponteareas (Pontevedra), 26 de febreiro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, reuniuse esta mañá coa Asociación Protectora de Animais Os Biosbardos, en Ponteareas, unha entidade que o ano pasado recibiu dúas axudas do Executivo galego que sumaron máis de 40.000 euros co obxectivo de axudarlle no desenvolvemento do seu labor diario.  

O responsable autonómico visitou o centro tras participar no minuto de silencio en memoria dos afectados pola traxedia vivida hai uns días en Valencia que estaba convocado na Casa do Concello. De feito, estivo acompañado pola alcaldesa, Nava Castro, para coñecer os beneficios das axudas concedidas en 2023 para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia.

A resolución destes apoios, que saíu publicada este mes no Diario Oficial de Galicia, recolle a concesión de axudas a asociacións inscritas no Rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía por importe de 210.000 euros, dos cales preto de 110.000 euros foron para asociacións da provincia de Pontevedra.

Estas achegas contribúen a financiar, entre outros, gastos relacionados coa esterilización cirúrxica, a identificación mediante microchip e a inscrición no Rexistro galego de identificación de animais de compañía (Regiac), así como alimentos, a vacinación ou a liberación de parasitos. Tamén se inclúe a compra de material non funxible como a adquisición de equipamentos como remolques para facilitar o transporte dos animais, software específico e dispositivos electrónicos para mellorar a xestión dos distintos centros ou equipamento veterinario. Entre as accións incluídas está tamén o apoio á realización de campañas de concienciación sobre a tenza responsable e a adopción de animais abandonados.    

Os responsables da entidade explicaron que eses fondos van dirixidos á castración dos gatos das colonias felinas. Nesta liña, Reguera aproveitou a visita para poñer en valor “o gran traballo que fan as asociacións e protectoras de toda a provincia” e lembrou que “moitos dos que fan posible que estes lugares sigan funcionando son persoas que, de forma desinteresada, invisten moitas horas do seu día en coidar duns animais vulnerables que atopan nestas asociacións unha segunda oportunidade nas súas vidas”.

Ás axudas dirixidas a asociacións protectoras engádense as destinadas a entidades locais, das que o ano pasado se concederon 33 achegas por importe de 230.000 euros, dos que máis de 66.000 foron para organismos da provincia de Pontevedra.

O delegado lembrou que precisamente na actualidade están abertas as convocatorias para este ano de ambas liñas de axudas -tanto para as asociacións protectoras como para as entidades locais- cun orzamento de 450.000 euros. Os interesados en acceder ás achegas poden presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 13 de setembro.

Esta é a oitava convocatoria que fai a Xunta destes apoios, aos que destinou desde 2017 -ano da súa posta en marcha, coincidindo coa aprobación da Lei de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia- un importe global de case 2,5 millóns de euros. 

Nesta liña, Agustín Reguera destacou o compromiso do Executivo galego con este tipo de entidades e salientou a importancia de que tanto as institucións públicas como o conxunto da cidadanía se impliquen a través das adopcións e doazóns contribuíndo a manter e apoiar o labor de protectoras como a de Ponteareas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/02/2024