Lorenzana aposta polo diálogo cos empresarios para dar resposta ás súas necesidades e fortalecer a economía galega

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, reuniuse na Coruña con representantes do polígono de Pocomaco, aos que informou das diferentes medidas postas en marcha pola Xunta para impulsar o investimento industrial

A Coruña, 26 de febreiro de 2024

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro con representantes do polígono coruñés de Pocomaco, aos que informou das diferentes medidas postas en marcha pola Xunta para impulsar o investimento industrial.

Lorenzana destacou a aposta da Xunta polo diálogo cos empresarios para dar resposta ás súas necesidades e fortalecer así a economía, e destacou o bo momento que vive a industria galega, en base aos últimos datos macroeconómicos. Así, a produción industrial en Galicia medrou o 2% en 2023, mentres que no conxunto de España se rexistra unha caída media do 0,8%. Esta mesma dinámica mantense no emprego industrial, e así, supérase en dous puntos ao Estado, cun ritmo de crecemento interanual do 7,31%.

A responsable de Economía, Industria e Innovación do Goberno galego apuntou á necesidade de “traballar partindo de dialogar cos empresarios, de coñecer de primeira man as necesidades que existen nos polígonos e nas distintas zonas de Galicia”, subliñando a importancia de Pocomaco na provincia da Coruña.

María Jesús Lorenzana lembrou as diferentes medidas postas en marcha pola Administración autonómica na Lei de acompañamento, e lembrou a activación da Oficina Económica de Galicia, coa que se busca continuar facilitando os trámites aos proxectos que se queren implantar ou medrar en Galicia e avanzar na desburocratización. A Xunta tamén puxo en marcha o Plan de impulso e aceleración de proxectos industriais para iniciativas a partir de 800.000 euros de investimento; e ampliáronse os treitos para declarar un proxecto como estratéxico, agora desde 2 M€ e 25 empregos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/02/2024