Lete Lasa destaca o espectáculo do Gran Camiño que xa é, por méritos propios, unha das mellores carreiras do circuíto profesional

Entrega o maillot amarelo Xunta de Galicia ao vencedor da terceira edición de O Gran Camiño, o danés Jonas Vingegaard que repite a súa vitoria do ano pasado  

Ponteareas-Tui (Pontevedra), 25 de febreiro de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu na mañá de hoxe ao corte de cinta e á saída da cuarta e derradeira etapa de O Gran Camiño 2024 que tivo lugar na Praza do Bugallal de Ponteareas. Tres horas e media máis tarde, o mandatario galego presenciou á chegada do pelotón ao Monte Aloia, no Concello de Tui, e entregou o maillot amarelo Xunta de Galicia ao vencedor da terceira edición de O Gran Camiño, o danés Jonas Vingegaard que repite a súa vitoria do ano pasado.

Lete Lasa destacou a dureza das condicións meteorolóxicas nesta cuarta etapa e gabou a actuación dos ciclistas que deron un auténtico espectáculo na que xa é unha das mellores carreiras do circuíto profesional. O secretario xeral para o Deporte destacou ademais o gran papel do galego Carlos Canal, que acadou a segunda posición na etapa de onte na provincia de Ourense e que rematou a competición nun meritorio décimo terceiro posto. 

O secretario xeral destacou a importancia de que Galicia consolide a súa volta profesional nun momento doce do ciclismo galego como demostra o incremento das licenzas deportivas de ciclismo que hoxe xa suman preto de 8.500 en Galicia, sumando tamén as de cicloturismo, cando en 2009 eran tan só 1.700. Nas últimas edicións O Gran Camiño obtivo retransmisións a través de Eurosport en case 200 países e xerou nove millóns de impactos en redes sociais que axudan a que a imaxe de Galicia chegue a todo o mundo. Polo tanto, serve de foco de atracción de turistas e peregrinos que se animen a viaxar á comunidade ou a descubrila a través do Camiño de Santiago.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/02/2024