Lete Lasa enxalza os fitos do ciclismo galego tanto no ámbito amateur coma no profesional e recorda que en Galicia xa son 8.500 federados

Fai fincapé na importancia da consolidación dunha competición profesional en Galicia como é ‘O Gran Camiño’ que xa transita pola súa terceira edición e que no día de mañá rematará no Monte Aloia, coa presenza do propio secretario xeral para o Deporte

Ribadumia (Pontevedra), 24 de febreiro de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na Gala do Ciclismo Galego organizada pola Federación Galega de Ciclismo e fixo un repaso polos fitos do noso ciclismo tanto no ámbito amateur coma no profesional. Neste sentido destacou os nomes propios de figuras relevantes deste deporte como Delio Rodríguez, gañador da Vuelta a España de 1945 e que aínda hoxe ostenta o récord de maior número de vitorias de etapa da ronda española, con 39; Gonzalo Aguiar e José Enrique Porto Lareo, primeiros ciclistas olímpico e paralímpico galegos; así como Óscar Pereiro, gañador do Tour de Francia en 2006.

O secretario xeral destacou o incremento das licenzas deportivas de ciclismo que hoxe xa suman preto de 8.500 en Galicia, sumando tamén as de cicloturismo, cando en 2009 eran tan só 1.700. Lete Lasa tamén sinalou a importancia de contar cun dos mellores equipos profesionais feminino, como o Team Farto BTC, o que posibilita que as licenzas femininas tamén medren e, como indica o Barómetro da Bicicleta, que hoxe máis da metade das mulleres usen a bicicleta en España.

Lete Lasa lembrou a importancia das 33 etapas da Vuelta Ciclista a España que pasaron por Galicia nos últimos dez anos e as catro etapas galegas recentemente anunciadas para a ronda española de 2024. Asemade, fixo fincapé na importancia da consolidación dunha competición profesional en Galicia como é ‘O Gran Camiño’ que xa transita pola súa terceira edición e que no día de mañá rematará no Monte Aloia, coa presenza do propio secretario xeral para o Deporte.

O amateurismo tamén é un dos eidos de maior éxito do ciclismo galego como demostra o feito de que os tres equipos galegos de referencia -Vigo Rías Baixas, Cortizo Padronés e Supermercados Froiz- finalizasen entre os 10 primeiros equipos da clasificación nacional elite sub-23, sendo a vitoria sempre para un equipo galego, excepto no ano 2019. Entre eles, o Froiz, está considerado como o mellor equipo amateur da historia, contando con oito primeiros postos da clasificación nacional, sendo sete deles de maneira consecutiva algo que nunca ninguén conseguiu e que dificilmente se repetirá.

Data de actualización: 25/02/2024