A Xunta e o goberno de Canarias establecen vías de colaboración na loita contra os incendios forestais

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2024

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, recibiu no Centro de Coordinación Central (CCC) de Defensa contra os Incendios Forestais, situado en Santiago de Compostela, a unha delegación do Goberno de Canarias encabezada polo director xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade da Consellería de Transición Ecolóxica e Enerxía, Miguel Ángel Morcuende. Na xuntanza, entre outros puntos, afondouse no establecemento de novas vías de colaboración entre ambas administracións autonómicas.

Neste encontro, Manuel Rodríguez guiounos polas instalacións do CCC e explicoulles o funcionamento do servizo en Galicia e, en concreto, o deste centro, integrado na estrutura organizativa da loita contra os lumes na nosa comunidade, nunha rede autonómica de tres niveis e que, polo tanto, tamén inclúe aos Centros de Coordinación Provinciais e aos Centros de Coordinación de Distrito. Ademais, coñeceron a aplicación informática XeoCode, un sistema de información xeográfica en tempo real con toda a información dispoñible sobre os incendios, así como a rede de videovixilancia forestal repartida por todo o territorio galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2024