Lete presenta o campionato de España deste sábado en Lugo como a gran homenaxe ao mellor piloto nacional de motocross da historia, Jorge Prado

O secretario xeral para o Deporte destaca os patrocinios da Xunta aos pilotos de motocross e desexa a mellor das sortes a Rubén Fernández, que rematou o pasado mundial nunha brillante quinta posición, Aarón Bernárdez e Xurxo Prol, na categoría raíña, así como Valentino Vázquez, Raúl Villadoniga e Jerónimo Criado, na categoría de MX125
 

Lugo, 23 de febreiro de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe a segunda proba do Campionato de España de Motocross que se celebrará en Lugo, no circuíto municipal Jorge Prado, que conta co apoio da Xunta de Galicia e que estará concentrado durante toda a xornada de mañá sábado debido as condicións meteorolóxicas. Alí, o mandatario galego destacou que esta proba será “a gran homenaxe ao mellor piloto nacional da historia, Jorge Prado,” que vén de ser o primeiro piloto español en conseguir o mundial de motocross da máxima categoría -MXGP- na pasada tempada de 2023.

Lete Lasa destacou outros moitos éxitos do piloto lucense como ser o campión de Europa e do Mundo de 65cc máis novo da historia en logralo (no ano 2011), ser o campión de Europa de 125cc, tamén sendo o máis novo en conseguilo (no ano 2015), ou o bicampionato da segunda categoría mundial de motocross, con récord tamén de precocidade (nos anos 2018 e 2019).

O secretario xeral para o Deporte quixo lembrar tamén a participación neste Campionato de España do vigués Rubén Fernández, que na tempada pasada rematou o mundial de motocross de MXGP en quinta posición e que nesta mesma proba do campionato de España de 2023 librou unha auténtica batalla con Jorge Prado polo título. Do mesmo xeito destacou a Yago Martínez, piloto de MX2, que hai un ano rematou a proba en terceiro lugar e desexou a mellor das sortes a outros pilotos galegos que tomarán a saída no día de mañá: Aarón Bernárdez e Xurxo Prol, na categoría raíña; así como Valentino Vázquez, Raúl Villadoniga e Jerónimo Criado, na categoría de MX125.

Lete Lasa lembrou a aposta da Xunta de Galicia por todos estes pilotos, non só coas axudas DGAN, senón tamén con patrocinios directos, nomeadamente, a Jorge Prado, Rubén Fernández ou Yago Martínez. No caso do piloto lucense, Lete destacou que na primeira xuntanza que tiveron, Jorge era un neno de dez anos que apenas alcanzaba o asento da moto, pero que “dende o primeiro momento soubemos que era un diamante en bruto que tiñamos que potenciar e coidar”. Do mesmo xeito fixo fincapé no excelente estado de saúde do motociclismo galego e lembrou que este mesmo fin de semana celébrase a primeira proba do Campionato de España de Trial en Arteixo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/02/2024