Román Rodríguez avoga por seguir apostando pola educación “como un medio para mellorar a nosa sociedade”

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións participa na presentación do libro ‘A educación en Galicia en perspectiva: Alicerces para o porvir’, coordinador polo profesor da USC Alexandre Sotelino

A obra, en cuxa elaboración participaron máis de 60 profesionais, afonda na dimensión social da educación e a súa influencia presente e futura na Comunidade
 

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, gaba o “importante papel” que xoga a educación na dinamización e a cohesión social ao servizo da transformación democrática e dunha sociedade máis igualitaria.

Así o puxo de manifesto esta mañá con motivo da presentación do libro A educación en Galicia en perspectiva: Alicerces para o porvir, elaborado coa participación de máis de 60 profesionais docentes baixo a coordinación do profesor da Universidade de Santiago Alexandre Sotelino, recoñecido do eido da investigación educativa e que foi galardoado co premio Educa ao mellor docente universitario de España no curso 2021-22. 

A obra aborda a dimensión social da educación na Galicia actual e de futuro a través dunha cronoloxía dos distintos niveis formativos que compoñen o sistema educativo galego, desde a etapa de Primaria ata a universidade. Nela analízase a inserción da educación na súa realidade territorial a través de aspectos como a pedagoxía medioambiental, o emprego das novas tecnoloxías ou a atención á diversidade e ás novas necesidades educativas.

Neste senso, o conselleiro de Educación gabou a importancia desta publicación na medida en que contribúe a “entender mellor de onde vimos e cara onde nos encamiñamos para acadar os mellores resultados posibles”. Así pois, Román Rodríguez avoga por seguir apostando pola educación “como un medio para mellorar a nosa sociedade e como elemento diferenciador do noso potencial”.

No acto de presentación, que tivo lugar no Museo Pedagóxico de Galicia, tamén participaron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel A. Santalices, e o coordinador Alexandre Sotelino. Asistiron, ademais, os autores participantes na obra, distintos representantes da Administración Autonómica, das universidades, das organizacións sindicais, de entidades e colexios profesionais, de revistas e publicacións do sector e de federacións e asociacións de anpas, entre outros.  

Data de actualización: 23/02/2024