A Xunta traslada a súa disposición a colaborar técnica e financeiramente co concello de Ares para solucionar as deficiencias detectadas no colector de saneamento

A Xunta, a través de Augas de Galicia, comprométese a financiar nun 80% as obras que sexa necesario acometer nesta infraestrutura municipal

O Concello de Ares deberá asumir o financiamento restante, declarar as obras de emerxencia e proceder á súa execución

Os compromisos quedarán plasmados nun convenio de colaboración entre ambas as administracións

A Xunta executou obras de mellora do saneamento de Ares por importe de 30 M€, que incluíron a execución do colector, entregado ao Concello no ano 2014
 

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2024

A Xunta trasladou a súa disposición a colaborar técnica e financeiramente co Concello de Ares para solucionar as deficiencias detectadas no colector do sistema de saneamento que atravesa a praia do núcleo urbano do municipio.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, tras coñecer onte as deficiencias no funcionamento do colector, púxose en contacto co Concello para ofrecerlle apoio e colaboración de cara a resolver este problema.

O compromiso de colaboración da Xunta e o Concello de Ares quedará plasmado nun convenio de colaboración entre ambas as administracións, establecendo así o reparto das tarefas a asumir por cada parte.

Neste sentido, a Xunta puxo á disposición do Concello de Ares modelos para a declaración de obras de emerxencia, documentación e convenios asinados con outros municipios para acometer actuacións de emerxencia en materia de abastecemento ou saneamento, como por exemplo, as actuacións extraordinarias levadas a cabo para garantir o abastecemento en Pontedeume, ou en Coristanco.

A Xunta, a través de Augas de Galicia, comprométese a financiar nun 80% as actuacións que sexan necesarias, debendo achegar o 20% restante a Administración local.

Pola súa banda, o Concello de Ares deberá declarar as obras de emerxencia e proceder logo á súa execución e posterior mantemento.

A Xunta levou a cabo actuacións para a mellora do saneamento en Ares por un importe global de 30 M€, incluíndo a execución do citado colector, que foi entregado ao concello no ano 2014, para a súa conservación e mantemento.

O Goberno galego vén prestando o seu apoio aos concellos para que poidan exercer de xeito eficiente e responsable as súas competencias de saneamento, abastecemento e depuración e proporcionar uns servizos de calidade aos cidadáns.

Data de actualización: 23/02/2024