A Xunta remata as obras que melloran o acceso da Vía Ártabra ao porto de Lorbé, en Oleiros, cun investimento de máis de 270.000 €

Trátase da nova mellora do acceso ao recinto portuario desde a intersección da Vía Ártabra coa estrada provincial CP-5802 ata a entrada do mesmo

As actuacións permiten acadar a mellora substancial do acceso tras a ampliación do radio da curva existente e a adecuación da pendente, así como a ampliación da plataforma dotándoa de aparcadoiro, beirarrúas, alumeado e arboredo

Tamén se executou unha senda peonil para facilitar o acceso aos vehículos aparcados
 

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2024

A  Xunta vén de rematar as obras da nova mellora do acceso da Vía Ártabra ao porto do Lorbé, no concello de Oleiros, cun investimento de máis de 270.000 euros.

A actuación permite mellorar o acceso ao porto de Lorbé desde a intersección da Vía Ártabra coa estrada provincial CP-5802 ata a entrada ao recinto portuario.

Os traballos consistiron en mellorar a plataforma e o trazado do tramo final da Vía Ártabra neste punto para dar un acceso axeitado ao porto de Lorbé.

A intervención permite acadar unha mellora substancial do acceso en varios aspectos, tras realizarse a ampliación do radio da curva previamente existente e a adecuación da pendente, mellorando o trazado e a visibilidade.

As obras incluíron a ampliación da plataforma e a ordenación dos aparcadoiros ao longo da estrada, a dotación de beirarrúas, alumeado e arboredo na zona de actuación.

Ademais, executouse unha senda peonil para facilitar aos peóns o acceso aos seus vehículos aparcados.

No marco da intervención incluíuse, ademais, as obras de drenaxe, coa colocación de 13 sumidoiros novos, e a limpeza de 69 metros de gabia.

Tamén se deixaron colocadas as conducións necesarias para que no futuro se poida executar un bombeo de saneamento.

Para acometer estes traballos non foi precisa expropiación algunha, xa que as obras desenvolvéronse dentro da franxa de dominio público da estrada.

Cómpre lembrar que en abril de 2017 abriuse ao tráfico un novo acceso ao porto de Lorbé, a través da AC-526. As expropiacións necesarias para a súa construción e as obras foron realizadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como unha colaboración con Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/02/2024