A Xunta elimina un punto de vertido nunha instalación do concello de Santiso

Os técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, detectaron o vertido nunha inspección rutineira de seguimento

Os inspectores localizaron a orixe nun derrame de aceites no interior dunha instalación que se canalizaba ao exterior cara ao río Furelos

Augas de Galicia dispuxo barreiras de contención e material absorbente para conter do vertido, ao tempo que lle requiriu aos responsables a adopción das medidas correctoras oportunas

Os técnicos da Xunta verificaron recentemente o cese do vertido e da contaminación

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un vertido de aceites industriais procedente dunha instalación situada no concello de Santiso.

Esta achega irregular detectouse no marco das tarefas rutineiras de inspección que o persoal do Programa de Control de vertidos de Augas de Galicia leva a cabo na atención de alertas de vertido, no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

Os técnicos da Xunta desprazados á zona localizaron un derrame de aceites no interior dunha instalación do municipio, que se canalizaba por varios puntos ao exterior da nave cara ao río Furelos. 

Ante a deficiencia observada, o persoal de Augas de Galicia emprendeu as accións necesarias para conter o vertido ao río, procedendo á instalación de barreiras de contención e material absorbente para reter o aceite.

Ademais, os técnicos requiríronlle aos responsables da instalación a adopción das medidas correctoras oportunas co obxectivo de emendar a achega irregular.

Nunha nova inspección á zona, Augas de Galicia verificou o cese do vertido e da contaminación, emendando así o episodio de vertido.

Data de actualización: 24/02/2024