A Xunta pon en valor o potencial de Galicia para acoller probas deportivas de primeiro nivel como a terceira edición de ‘o gran camiño’

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, asistiu hoxe na Coruña á entrega de premios da primeira das catro etapas da proba ciclista

O percorrido constou dunha contrarreloxo de case 15 quilómetros con saída e chegada na Torre de Hércules
 

A Coruña, 22 de febreiro de 2024

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, participou esta tarde na entrega de premios da primeira etapa da terceira edición da proba O Gran Camiño 2024, que demostrará un ano máis o potencial de Galicia para acoller eventos deportivos de primeiro nivel, ao mesmo tempo que serve de grande escaparate turístico da comunidade en todo o mundo. A proba acollerá desde hoxe ata o domingo catro etapas polas catro provincias galegas, a primeira delas a desta xornada co Camiño da Coruña a través dunha contrarreloxo de case 15 quilómetros con saída e chegada á Torre de Hércules.

Diego Calvo entregoulle ao líder da carreira o maillot amarelo, patrocinado pola Xunta de Galicia. Tamén se entregaron premios ao vencedor da etapa, ao corredor máis combativo da xornada, ao ganador por equipos e ao líder da clasificación da montaña, así como o maillot ao mellor xove clasificado.

O Gran Camiño continuará mañá co Camiño de Lugo, con 155,6 quilómetros entre Taboada e Chantada. A etapa máis longa será a do sábado, 24 de febreiro, a do Camiño de Ourense, de Xinzo de Limia a Ribadavia con 183,3 quilómetros. O pelotón pedaleará a última etapa o domingo, 25 de febreiro co Camiño de Pontevedra nun percorrido de 158,7 quilómetros de Ponteareas a Tui.

Trátase dunha proba profesional organizada pola firma de eventos deportivos Emesports, da que é director xeral o exciclista Ezequiel Mosquera. A competición forma parte da categoría 2 de probas por etapas do calendario da UCI Europe Tour e conta con grandes equipos internacionais, entre eles o Visma Lease a Bike, ao que pertence Jonas Vingegaard, gañador da edición do ano pasado e dos dous últimos Tours de Francia.

Nas últimas edicións O Gran Camiño obtivo retransmisións a través de Eurosport en case 200 países e xerou nove millóns de impactos en redes sociais que axudan a que a imaxe de Galicia chegue a todo o mundo. Polo tanto, serve de foco de atracción de turistas e peregrinos que se animen a viaxar á comunidade ou a descubrila a través do Camiño de Santiago.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/02/2024