A Xunta reforza o seu compromiso coa boa xestión dos fondos europeos

O conselleiro de Facenda e Administración Pública en funcións clausurou o Curso monográfico sobre custos simplificados nos fondos europeos do Marco 2021-2027

Sinalou que os fondos do anterior período axudaron a situar Galicia como a comunidade que máis medrou en PIB per cápita de toda España nas dúas últimas décadas
 

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2024

O conselleiro de Facenda e Administración Pública en funcións, Miguel Corgos puxo en valor o compromiso da Xunta coa boa xestión dos fondos públicos, en particular dos fondos europeos, durante a clausura do Curso monográfico sobre custos simplificados nos fondos europeos do Marco 2021-2027. Para Corgos, a participación de 240 persoas procedentes de distintos ámbitos demostra o interese por formarse e reforzar a capacitación administrativa dos empregados públicos da Administración autonómica.

Durante a súa intervención recoñeceu o papel que os fondos europeos do período 2014-2020 tiveron no desenvolvemento de Galicia nos últimos 35 anos, así como na redución das disparidades territoriais e sociais entre as rexións da UE. O conselleiro de Facenda en funcións lembrou tamén que estes fondos axudaron a situar Galicia como a comunidade que máis medrou en PIB per cápita de toda España, un 3,2% de media anual entre o 2000 e o 2021, o que supón case un punto por riba do crecemento medio anual de España.

Neste sentido, Miguel Corgos instou a tirarlle todo o proveito aos fondos europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia xa integrados, xunto cos fondos do Marco Financeiro Plurianual, no Plan Estratéxico da Xunta de Galicia 2022-2030, porque é a oportunidade para transformar a economía de Galicia e afrontar os retos pendentes para as vindeiras décadas, como o clima e os desafíos medioambientais, as transformacións tecnolóxicas, os cambios na orde mundial ou a demografía.

Aproveitar as leccións aprendidas no anterior período

O responsable da Facenda galega en funcións amosouse convencido das vantaxes de aproveitar as leccións aprendidas do anterior período para abordar as novidades do actual Marco 2021-2027. As opcións de costes simplificados, a temática do curso, concluíu, non só son importantes para alixeirar a carga administrativa e mellorar a eficiencia na xestión dos fondos europeos, senón que tamén implican un cambio no xeito de pensar sobre a organización e a utilización dos recursos financeiros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/02/2024