A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, supervisou hoxe a intervención, xa na fase final, nesta ponte que une Vilanova de Arousa e Ribadumia a través da PO-300

A Xunta iza as estruturas da ponte de Ponte Arnelas co obxectivo de abrila ao tráfico en abril cun investimento de 5,3 M€

A solución consistiu en reforzar a cimentación da ponte, con pilas en ambas as marxes do río, e unha nova estrutura metálica que muda a fisionomía

A manobra de izado das celosías da ponte, de 60 metros e 95 toneladas cada unha, realízase ao longo do día de hoxe, cunha grúa en cada marxe do río

Unha vez colocadas e asentadas sobre as pilas, procederase á súa soldadura, traballos que se prolongarán durante dúas semanas

Despois colocaranse as prelousas e abordarase o formigonado do taboleiro antes colocar barreiras, aglomerar e pintar

Finalmente, habilitaranse as ramplas de acceso da pasarela peonil do nivel inferior, dotándoa, ademais, de varanda e pavimento

Vázquez Mourelle salienta o compromiso da Xunta cos reconstrución coa maior axilidade dunha infraestrutura estratéxica para Vilanova e Ribadumia
 

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 21 de febreiro de 2024 A Xunta está a realizar o izado das estruturas da ponte de Ponte Arnelas co obxectivo de poder abrila ao tráfico en abril, destinando 5,3 M€ á súa reconstrución.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, supervisou hoxe in situ o avance das actuacións. Tamén asistiron o alcalde de Ribadumia, David Castro, e o tenente de alcalde de Vilanova, Javier Tourís.

Trátase das obras de reconstrución que teñen como obxectivo restituír a circulación do tráfico e o tránsito peonil nesta ponte que comunica Vilanova de Arousa e Ribadumia a través da PO-300, tras detectarse, na pasada primavera, danos en varias das súas péndolas causados pola corrosión, o que fixo que a calzada cedese parcialmente.

Vázquez Mourelle lembrou que a solución adoptada consistiu en reforzar a cimentación, coa disposición de pilas en ambas as marxes do río, que xa están executadas; e pola disposición dunha nova estrutura metálica, que muda a fisionomía da ponte, ao eliminar o arco e os tirantes, pero que permite gañar en estética e en integración na contorna.

A consellería salientou a intensidade coa que se está a traballar na fase final da intervención, que acadou hoxe o fito do izado das estruturas da ponte.

Segundo explicou, son dúas estruturas en celosía, de 60 metros de longo e de 95 toneladas de peso cada unha, as que hoxe se comezaron a izar sobre a ponte e que, unha vez situadas sobre as pilas, haberá que unir.

Estas pezas da estrutura principal da ponte preparáronse en taller e, por razóns de loxística e de montaxe, cada unha desas 2 estruturas se dividiu á súa vez en 2 pezas, e así foi como se transportaron.  

Ethel Vázquez destacou neste fito da reconstrución da ponte, a manobra do izado desas dúas estruturas laterais se prolongará ao longo de toda a xornada de hoxe. Son traballos complexos, subliñou, para cuxa colocación son precisas 2 grúas, unha en cada marxe do río.

Indicou que, unha vez colocadas e asentadas sobre as pilas, procederase á unión das estruturas con perfís transversais mediante soldadura. Prevese que estes traballos se prolonguen durante dúas semanas e media, aproximadamente, supeditados a condicións meteorolóxicas favorables.

Despois colocaranse as prelousas e procederase ao formigonado do taboleiro para, a continuación, colocar barreiras, executar o aglomerado e proceder ao pintado.

Finalmente, habilitaranse as ramplas de acceso da pasarela peonil existente no nivel inferior, dotándoa, ademais, de varanda e pavimento.

A conselleira fixo fincapé na complexidade dos traballos, que tamén están moi condicionados polas condicións meteorolóxicas, algo que ten influído moito na execución das obras.

En todo caso, tal e como adiantou, tras un investimento da Xunta de 5,3 M€ a previsión é ter no mes de abril reconstruída e aberta ao tráfico, novamente, a ponte de Ponte Arnelas renovada, máis segura, cunha estética moderna e mellor integrada na contorna.

Ethel Vázquez puxo en valor o cumprimento do compromiso da Xunta traballando coa máxima dilixencia desde o primeiro momento, desde o día 18 de abril que pechou a ponte; coa máxima intensidade e axilidade que permitiron as circunstancias; e sen escatimar nin recursos nin investimentos, para reconstruír unha infraestrutura estratéxica para Vilanova e Ribadumia e para a vertebración interior desta comarca.

Fixo fincapé en que a Xunta asumiu o compromiso de traballar coa máxima axilidade, primeiro, para evitar que a situación se agravase e, segundo, para acadar unha solución que permitise a restitución do tráfico canto antes. Deste xeito, engadiu, sempre en permanente contacto cos dous Concellos implicados, e da man dos técnicos, leváronse a cabo uns primeiros traballos para garantir a estabilidade da estrutura, procedendo ao apuntalamento da ponte en ambas as marxes e tamén á desmontaxe e retirada do peitoril co fin de reducir o peso que soportaba.

Unha vez realizadas estas primeiras intervencións urxentes e inspeccionada ao fondo a estrutura, viuse que só era preciso intervir no treito central da ponte, só en 1 dos 5 vans, na parte sobre o río; polo que o seguinte paso foi analizar as diferentes alternativas e deseñar a súa reconstrución.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/02/2024