A Xunta contribúe á oferta cultural de Pontevedra con oito funcións de sete espectáculos a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

A nova carteleira leva á cidade do Lérez as últimas propostas de Talía, Culturactiva, Excéntricas e Chévere no Teatro Principal; e de Uxía Lambona e a Banda Molona, O Mago Paco e o ilusionista Pedro Volta no Pazo da Cultura

Pontevedra, 21 de febreiro de 2024

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de espectáculos promovido pola Xunta en 40 localidades galegas, ofrecerá en Pontevedra oito propostas de música, teatro e maxia. A programación comezará mañá xoves co espectáculo Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro, e prolongarase ata finais de abril coas últimas propostas de Culturactiva, Uxía Lambona e a Banda Molona, O Mago Paco, o ilusionista Pedro Volta, Producións Teatrais Excéntricas e Chévere.

A última creación de Talía Teatro, que precisamente foi recoñecida a pasada noite co maior número de candidaturas (nove) aos vindeiros Premios de Teatro María Casares, presentará a súa adaptación da novela homónima de Henrik Ibsen, baixo a dirección de Tito Asorey. A función dará comezo ás 21,00 h. no Teatro Principal da cidade. Tamén no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios e neste mesmo escenario, poderán verse o día 27 dous pases do espectáculo As alumnas, da compañía Culturactiva, ás 12,00 h. e 21,00 h., respectivamente.

Pola súa banda, o Auditorio do Pazo da Cultura acolle no mes de marzo as primeiras funcións perfiladas especialmente para público infantil e familiar, co concerto Un soño é... de Uxía Lambona e a Banda Molona, o día 2 ás 19,00 h. O día 3, O Mago Paco celebrará no mesmo espazo a súa Gran gala de maxia, tamén ás 19,00 h.

O calendario de actividade volverá ao Teatro Principal de Pontevedra o 21 de marzo con O auto do Castromil, o novo espectáculo de Producións Teatrais Excéntricas en coprodución co Centro Dramático Galego, no que a compañía fai unha viaxe escénica en transporte público que reflexiona sobre a sociedade galega.

Xa en abril, será a quenda de Helen Keller, a muller marabilla?, o novo espectáculo de Chévere en coprodución co Centro Dramático Nacional e con subvención á creación escénica por parte da Xunta. A peza, que se está a representar estes días no Salón Teatro de Santiago de Compostela,  investiga a vida da primeira muller xordocega en obter un título universitario nos Estados Unidos, así como as razóns que levaron ao curso da historia a agochar a súa existencia. Poderá verse no Principal o 11 de abril ás 21,00 h.

Máis de 350 funcións en 41 concellos

O circuíto autonómico de exhibición programa este semestre 351 funcións escénicas e musicais en 41 concellos das catro provincias galegas. A Xunta e as entidades locais asociadas cofinancian este programa, que para todo o ano 2024 conta cun orzamento de arredor de dous millóns de euros, destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte.

En concreto, durante estes seis primeiros meses do ano serán máis de 130 as compañías escénicas e grupos musicais que representarán as súas pezas na rede autonómica, xestionada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Os espectáculos teatrais conforman unha grande parte desta programación, con máis de 270 funcións en cartel e unha ampla oferta para o público familiar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/02/2024