A Xunta presenta unha nova edición do catálogo ‘Films from Galicia’ con información sobre 75 producións galegas para cine e televisión
A Axencia Galega das Industrias Culturais comeza a difusión da escolma deste ano no 36º European Film Market que se celebra estes días en paralelo á Berlinale
A publicación, editada en inglés e con versións física e dixital interactiva, ofrece unha panorámica dos traballos máis recentes do noso audiovisual, dos que preto dun 80% contaron con apoio do Goberno galego
A Xunta comeza no European Film Market de Berlín, o mercado paralelo á Berlinale, a promoción do novo catálogo Films from Galicia de 2024, integrado nesta edición por 75 títulos galegos para cine e televisión, dos que preto do 80% contaron con subvención da Xunta a través das principais liñas de axuda ao sector. Clasificadas en longametraxes cinematográficas de ficción, documentais, animación e televisión, 34 das producións xa están rematadas e as 41 restantes están ultimando a fase final para a chegada ás pantallas.
Todas as producións (35 películas de ficción, 24 documentais, seis obras de animación e 10 formatos televisivos) dispoñen da súa propia entrada no catálogo, onde se poden consultar a ficha artística e técnica, a sinopse, a imaxe do cartel, o palmarés e os datos de contacto para a venda e distribución. A publicación, editada en inglés e con versión física e dixital interactiva, irá acompañada dun vídeo para poñer en valor a calidade e a variedade da oferta galega, ademais de contribuír a difundir o nos territorio como escenario de rodaxe. Inclúe tamén unha listaxe cos contactos das compañías produtoras.