Galicia Calidade fomenta o coñecemento dos produtos lácteos galegos entre os máis novos

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, presentou en Teo esta iniciativa, que chegará tamén a colexios da Estrada e Oroso co obxectivo de dar a coñecer as distintas denominacións de orixe dos queixos galegos e o valor dos produtos lácteos
 

A catadora Salomé Beiroa é a encargada da actividade na que tamén se achegan as diferenzas entre leite cru e pasteurizado ou entre o queixo fresco e o curado
 

Teo (A Coruña), 21 de febreiro de 2024

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, participou hoxe no CEIP Plurilingüe dos Tilos na presentación dunha nova campaña para fomentar o coñecemento dos produtos lácteos entre os máis novos. Ana Méndez destacou que con esta proposta, “preténdese achegar a industria e a importancia do sector lácteo ás xeracións máis novas”.  

Da man da catadora de queixos Salomé Beiroa, a iniciativa chegará en próximas datas a centros educativos dos concellos de Teo, Oroso e A Estrada. Permitiralles aos nenos e nenas aprender as diferenzas entre leite cru e pasteurizado ou entre o queixo fresco ou o curado, ou as diferentes denominacións de orixe coas que conta Galicia neste eido (San Simón da Costa, Cebreiro, Arzúa-Ulloa e Tetilla).  

Os nenos e nenas poderán interactuar cos produtos das empresas lácteas co distintivo de Galicia Calidade como son Feiraco, Innolact (Quescrem), Larsa, Leyma Natura, Río de Galicia, Pazo de Anzuxao, Pazo do Queixo, Queixería Barral, Queixería Casleiras, Queixería Daniberto, Queixería Santo André e Quesos Feijoo. Tamén colabora nesta iniciativa Galifresh, coa súa gama de purés de froita, dotada co selo de garantía Galicia Calidade e que está dedicada á investigación, desenvolvemento, elaboración e comercialización de produtos de IV e V gama a partir de froitas, verduras e hortalizas frescas.

Galicia Calidade é a marca de garantía que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta con preto de 170 empresas adheridas, con máis de 850 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/02/2024