O Sergas participa na presentación dos resultados do proxecto Código 100 para a resección avanzada de tumores rectais

O dispositivo UNI-VEC foi desenvolto a través do procedemento de contratación “Asociación para a Innovación” no marco do Plan de Innovación Código 100, que contou cun orzamento de 13 millóns de euros financiado nun 80 % polo Programa Operativo FEDER 2014-2020

A presentación do produto tivo lugar hoxe nunha xornada no Centro Tecnolóxico de Formación da Coruña, que contou coa participación de profesionais sanitarios que puideron coñecer as vantaxes que supón este novo dispositivo innovador

A Coruña, 20 de febreiro de 2024

O Servizo Galego de Saúde e a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) a través do seu xerente, Antonio Fernández-Campa, participaron hoxe na benvida da presentación oficial do produto UNI-VEC. Trátase dun dispositivo multicanle para a resección avanzada de tumores rectais mediante endoscopia flexible e cirurxía endoscópica transanal. Este produto foi desenvolto no marco dunha contratación na modalidade de Compra Pública Innovadora do Plan de Innovación Código 100, a través do procedemento de “Asociación para a Innovación”. Ao acto tamén asistiu o xerente da área sanitaria, Luis Verde.

A presentación do produto tivo lugar hoxe nunha xornada no Centro Tecnolóxico de Formación da Coruña, que contou coa participación de profesionais sanitarios que puideron coñecer as vantaxes que supón este novo dispositivo innovador.

Código 100 foi un proxecto desenvolto polo Sergas xunto coa Axencia Galega de Coñecemento en Saúde entre os anos 2016-2020, que contou cun orzamento de 13 millóns de euros co-financiados por fondos do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, a través dun convenio de colaboración co Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. A través deste Plan de innovación leváronse a cabo 15 licitacións de Compra Pública Innovadora para o desenvolvemento de diversos produtos ao servizo de profesionais e de pacientes.

Este dispositivo multicanle desenvolveuse a través dunha licitación pública empregando o procedemento de “Asociación para a Innovación” ao reunir as condicións óptimas para a súa aplicación: detección de necesidades de I+D non cubertas pero cun obxectivo moi claro e uns resultados de rendemento que, de alcanzarse coas solucións propostas, poderían adquirirse e introducirse nos nosos procesos clínicos.

Deste xeito, partindo dun preprototipo xa existente coa solicitude de patente europea resultado do traballo de I+D previo realizado pola Unidade de Cirurxía Experimental do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, contratouse o desenvolvemento dunha solución innovadora para a mellora e evolución da tecnoloxía en estado de preprototipo a un dispositivo que poida ser usado en pacientes.

Con este caso de éxito sáldanse as necesidades detectadas a priori:

    Avanzar nunha cirurxía sen cicatrices a través de orificios naturais con redución do tempo de realización do procedemento endoscópico ou cirúrxico, así como das complicacións e da recuperación postoperatoria.

    Avanzar na redución de gastos asociados ao proceso que garantan a dispoñibilidade no mercado de dispositivos cun custo sustentable.

    A posta en valor do coñecemento xerado na organización, a través do proceso de transferencia dos dereitos de explotación da patente pre-existente.

UNI-VEC xa conta con marcado CE para a súa incorporación na práctica clínica habitual.

Referentes europeos en compra pública innovadora

Os primeiros recoñecementos chegaron da man dos proxectos InnovaSaúde e Hospital 2050 co segundo Premio Europeo de Compra Pública Innovadora (Procurement of Innovation Award 2015) da Comisión Europea e o Premio Nacional de Innovación 2013, na modalidade de Compra Pública Innovadora.

No 2021, o Sergas logra ser gañador dos I Premios Europeos á Contratación Pública de Innovación do Consello Europeo de Innovación (EIC), nunha candidatura na que se recolle a aposta pola compra pública innovadora con programas dende Hospital2050 e InnovaSaúde; ata Código100 centrado no envellecemento poboacional; Innova MicroLab para encarar a resistencia antimicrobiana; ou INNOVATRIAL un sistema innovador para a xestión integral dos ensaios e estudos de investigación biomédica, actualmente en execución.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2024