A Xunta informa na Cámara de Santiago das axudas por 4,4 M€ para impulsar a transformación dixital, a innovación e a modernización do sector comercial

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, interveu nunha xornada para explicar a nova convocatoria, á que se poden presentar solicitudes ata o vindeiro 4 de marzo

Pemes comerciais e obradoiros artesáns poden optar a apoios para actuacións como a implantación e o mantemento de páxinas web, márketing dixital, loxística e xestión de redes sociais

Tamén se contemplan axudas para a implantación de tecnoloxía de control de stocks, asistentes virtuais, sistemas de click and collect e lockers dixitais, ademais de actuacións de mellora da eficiencia enerxética e de acondicionamento dos locais

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, presentou esta mañá na Cámara de Comercio de Santiago de Compostela a nova convocatoria das axudas para a transformación dixital, a innovación e a modernización do comercio retallista e dos obradoiros artesanais, dotada con 4,4 millóns de euros e aberta á presentación de solicitudes ata o vindeiro 4 de marzo.

Tal e como explicou Heredia, con estas axudas búscase apoiar ao sector a través da introdución de tecnoloxías que lles permitan conectar coas necesidades do cliente á vez que se melloran os equipamentos dos establecementos para consolidar un comercio de proximidade omnicanle, moderno e sustentable.

Por unha banda, os interesados poden optar á liña de transformación dixital, na que se inclúen actuacións como a implantación de páxina web con ou sen venda en liña, ferramentas de posicionamento dixital, xestión de redes sociais ou loxística e-commerce, entre outras. As axudas terán unha intensidade do 75 % ata un máximo de 12.525 euros dependendo do número de empregados.

Na liña de innovación cóbrense tanto accións de smart retail, dirixidas á transformación dixital do punto de venda e do modelo de negocio -sistemas de click and collect e lockers dixitais, terminais de pagamento, tecnoloxía de control de stocks ou asistentes virtuais, por exemplo-; como de visual merchandising para mellorar a experiencia de compra e que inclúe escaparates virtuais así como pantallas e tótems publicitarios. As axudas tamén cobren o 75 % ata 27.750 euros no primeiro caso e 10.125 no segundo.

Por último, na liña destinada á modernización hai tres programas de actuación: un destinado á mellora da eficiencia enerxética e dos recursos do local; outro de reforma para mellorar a imaxe do establecemento e outro para a adquisición de equipamento e maquinaria propios da actividade comercial e artesanal. Neste caso a intensidade da axuda é do 60% podendo alcanzar os 7.800 euros no primeiro programa, 3.750 no segundo e 3.600 no terceiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2024