A participación nas eleccións ao Parlamento de Galicia ás 17 horas é do 49,17 por cento

Os resultados provisionais poderán seguirse a través da web https://resultados2024.xunta.gal, segundo vaia avanzando o escrutinio

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, informou esta tarde de que, ás 17 horas, o 49,17 por cento dos electores galegos tiñan exercido xa o seu dereito ao voto. Nas eleccións de 2020, a participación a esta mesma hora era de ao redor do 43 por cento.

Na comparecencia, concretou os datos por provincias: na Coruña a porcentaxe é do 48,57 por cento (42,84% en 2020); en Lugo, do 49,75 por cento (41,89% en 2020); en Ourense, do 50,19 por cento (42,69% en 2020); e do 49,34 por cento en Pontevedra (43,6% en 2020).

Está prevista unha nova comparecencia a partir das 21,30 horas para dar conta xa dos resultados provisionais, que se poderán seguir en tempo real na páxina https://resultados2024.xunta.gal e na aplicación móbil.

Tal e como se avanzou esta mañá, a xornada electoral comezou sen incidencias salientables coa constitución do 100 % das mesas electorais: 3951 distribuídas en 2346 locais electorais.

En total, o censo electoral nestas eleccións ao Parlamento galego elévase a 2.693.633 persoas xa que, aos máis de 2,2 millóns de electores censados en Galicia, hai que sumarlle os 476.544 inscritos no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA).

Para a recollida da información habilitouse un dispositivo do que forman parte 2.628 representantes da administración, que contan con dispositivos electrónicos para a transmisión de datos da votación dende os colexios electorais ata o centro de procesamento da información.

A cidadanía poderá ter acceso aos datos en tempo real na páxina web https://resultados2024.xunta.gale na aplicación móbil, onde se ofrecerán datos do escrutinio provisional a nivel autonómico, provincial, comarcal e por concellos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/02/2024