A participación nas eleccións ao Parlamento de Galicia ás 12 horas é de máis do 17%

Os resultados provisionais poderán seguirse a través da web https://resultados2024.xunta.gal, segundo vaia avanzando o escrutinio

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, informou esta mañá de que, ás 12 horas, máis do 17% dos electores galegos tiñan exercido xa o seu dereito ao voto. Nas eleccións de 2020, a participación a esta mesma hora era do 19,42%.

Na comparecencia, concretou os datos por provincias: na Coruña a porcentaxe é de ao redor do 16,7 % (18,79% en 2020); en Lugo, do 17,7% (18,2% en 2020); en Ourense, do 19,2% (21,7% en 2020); e do 16,6% en Pontevedra (19,85% en 2020).

Está prevista unha nova comparecencia ás 17,30 horas para dar conta do avance de participación da tarde.

Tal e como se avanzou esta mañá, a xornada electoral comezou sen incidencias salientables coa constitución do 100% das mesas electorais: 3951 distribuídas en 2346 locais electorais.

En total, o censo electoral nestas eleccións ao Parlamento galego elévase a 2.693.633 persoas xa que, aos máis de 2,2 millóns de electores censados en Galicia, hai que sumarlle os 476.544 inscritos no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA).

Para a recollida da información habilitouse un dispositivo do que forman parte 2.628 representantes da administración, que contan con dispositivos electrónicos para a transmisión de datos da votación dende os colexios electorais ata o centro de procesamento da información.

A cidadanía poderá ter acceso aos datos en tempo real na páxina web https://resultados2024.xunta.gale na aplicación móbil, onde se ofrecerán datos do escrutinio provisional a nivel autonómico, provincial, comarcal e por concellos, así como datos de participación segundo se vaian recibindo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/02/2024