Arranca a xornada electoral co 100% das mesas electorais constituídas e sen incidencias salientables

Os resultados provisionais poderán seguirse a través da web https://resultados2024.xunta.gal e na aplicación móbil

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, sinalou esta mañá que a xornada electoral comezou sen incidencias salientables e co 100 % das mesas electorais xa constituídas: 3.951 distribuídas en 2.346 locais electorais.

Durante unha comparecencia no centro de prensa das eleccións, o director xeral precisou que só se rexistraron as incidencias habituais por algún atraso dos integrantes das mesas, falta de material ou algún local que estaba pechado. Todos estes casos xa foron solucionados e nestes momentos os locais están funcionando con total normalidade.

Nos casos nos que a constitución das mesas se produciu máis aló das 09.00 horas, o horario de votación estenderase na mesma medida.

Está prevista unha nova comparecencia ás 12,30 horas para dar conta dos primeiros avances de participación.

Datos da xornada

En total, o censo electoral nestas eleccións ao Parlamento galego elévase a 2.693.633 persoas xa que, aos máis de 2,2 millóns de electores censados en Galicia, hai que sumarlle os 476.544 inscritos no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA). O electorado conta con algo máis de 40 millóns de papeletas e máis de 4 millóns e medio de sobres de votación.

Para a recollida da información habilitouse un dispositivo do que forman parte 2.628 representantes da administración, que contan con dispositivos electrónicos para a transmisión de datos da votación dende os colexios electorais ata o centro de procesamento da información.

A cidadanía poderá ter acceso aos datos en tempo real nunha aplicación móbil e na páxina web https://resultados2024.xunta.gal,onde se ofrecerán datos do escrutinio provisional a nivel autonómico, provincial, comarcal e por concellos, así como datos de participación segundo se vaian recibindo. Esta web é accesible desde dispositivos móbiles como smartphones ou tabletas e permite seguir tamén as roldas de prensa, tanto en directo como en diferido.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/02/2024