Lete Lasa destaca á vela galega como referente internacional e augura novos éxitos olímpicos para as xeracións máis novas

O secretario xeral para o Deporte recibiu o recoñecemento da Real Federación Galega de Vela polo Programa Corresponsables como mellor proxecto de promoción da vela que levou actividades da vela deportiva a preto de 1.500 nenos e nenas de entre 6 e 16 anos

Baiona (Pontevedra), 16 de febreiro de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na Gala da Vela Galega 2023 onde recibiu o recoñecemento da Real Federación Galega de Vela polo Programa Corresponsables como mellor proxecto de promoción da vela que levou actividades da vela deportiva a preto de 1.500 nenos e nenas de entre 6 e 16 anos. O mandatario galego destacou que, varios séculos despois de que Baiona recibise a noticia do Novo Mundo, “as embarcacións de vela e os regatistas máis importantes da vela seguen sendo galegos e Baiona segue sendo unha das súas capitais”.

Lete Lasa destacou a importancia dunha gala que, ano tras ano, distingue aos mellores deportistas, xuíces, oficiais, entidades náuticas, institucións e empresas máis destacadas da vela galega, neste caso, da tempada 2023. Deste xeito, entre os preto de cen premiados, o secretario xeral destacou a dous dos grandes regatistas olímpicos que recibiron o recoñecemento da man da Real Federación Galega de Vela, como Támara Echegoyen, ouro no Elliot 6m de Londres 2012 e que en París afrontará os seus cuartos Xogos Olímpicos; así como Nico Rodríguez, bronce no 470 de Toquío 2020. Eles son, dixo, dous dos dez regatistas galegos e galegas que chegaron a unha cita olímpica, e identificounos como “referencia, espello e modelo de moitos que veñen detrás e que cada día achéganse máis aos rexistros dos seus ídolos para estar completamente preparados cando chegue o momento”.

Neste sentido, no que respecta ao deporte base, Lete Lasa destacou aos irmáns Wizner -Martín e Jaime- sextos no mundial xuvenil de 49er e campións de Europa da súa categoría que, de seguro, estarán en Los Ángeles 2028. Ademais destacou a Natalia Domínguez, do RCN Sanxenxo, e Inés Ameneiro, do RCN Vigo, campioas da clasificación autonómica, campioas da Copa de España Sub17 e subcampioas do mundo en 420. Todos eles, destacou o secretario xeral, vinculados ao Centro Galego de Vela de Vilagarcía. Precisamente dous dos que foron adestradores do CGV e principais responsables dos éxitos dos irmáns Wizner -Ero Pons e Marcos Fernández- tamén recibiron o recoñecemento da federación. Hoxe, dixo o secretario xeral, desempéñanse como técnicos nacionais “polo que queda demostrado que Galicia non só exporta deportistas, senón tamén unha forma de crer, de facer e de traballar co deporte que é implementada en múltiples territorios que pretenden imitar o noso modelo”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2024