A Xunta enxalza o traballo das empresas que impulsan cos seus produtos á cadea mar-industria desde as zonas do interior de Galicia

O director xeral de Pesca visitou no Conservas Mareterra no concello de Esgos, en Ourense, onde destacou a calidade da súa produción, e achegouse tamén a Frigoríficos Arcos no Carballiño, unha referencia no mundo do polbo

Antonio Basanta sinalou que a fundamental aportación á economía galega e española deste sector fai que sexa determinante que os seus produtos se poidan beneficiar da rebaixa do IVE e que teñan acceso inmediato a un Perte con recursos suficientes

O Carballiño (Ourense), 16 de febreiro de 2024

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, visitou este venres dúas empresas vinculadas á cadea mar-industria situadas no interior de Galicia, concretamente en Ourense, desde onde quixo destacar a importancia dos emprendedores que traballan para impulsar a esta estratéxica actividade por moi lonxe que poidan estar da costa. Sinalou este responsable da Consellería do Mar que as empresas ligadas a unha actividade marítimo-pesqueira e transformadora esténdense por 120 concellos, case corenta máis dos que están no litoral, converténdose nunha esencial parte máis dos artífices de xerar un 5 % do PIB galego.

Antonio Basanta destacou que son empresas que amosaron, por un lado, a súa capacidade de elevar, ano tras ano, o valor engadido (VEB) e o emprego que xeran e, por outro, que cando saen ao exterior difunden cos seus produtos gourmet ou de alta gama alimenticia a mellor das imaxes do sector galego, como pode demostrarse tras o paso dalgunha destas empresas por feiras como a de San Sebastián, Nova York, Valencia e Sevilla.

É o caso de Conservas Mareterra, á que acudiu o director xeral de Pesca e que desde Esgos presume dunha produción entre a que destacan os seus patés de centolo, gambas con allada, chipirón na súa tinta, polbo con grelos e á galega ou a súa crema de sardiñas con pimentón, que se suman aos de grelos e mesmo aos caracois. É propiedade do que fora xogador do Clube Ourense Baloncesto (COB) Carlos Rodríguez.

A seguinte parada no seu periplo polo interior de Galicia foi no Carballiño, onde visitou as instalacións da empresa Frigoríficos Arcos, que leva máis de seis décadas e catro xeracións abastecendo de polbo da mellor calidade tanto aos pulpeiros locais, considerados entre os mellores do mundo, como aos do resto de Galicia. A empresa conta tamén cunha innovadora liña deste cefalópodo que o envasa xa cocido e listo para comer.

Ante estes exemplos Antonio Basanta destacou a grandiosa incidencia do mar sobre Galicia e o seu territorio, pois como reflicten as últimas Táboas Input-Output da Pesca e a Conserva de Galicia a influencia da actividade marítimo-pesqueira chega cada vez a máis ramas da economía galega, 76 das 83 identificadas, polo tanto nove de cada dez. Unha actividade que vai do norte ao sur, e do este ao oeste da autonomía e que é capaz de por a disposición do mercado produtos por valor de 9.000 millóns de euros ao ano.   

Estas cifras, xunto cos 50.000 empregos que xera o conxunto da cadea mar-industria e a súa extraordinaria capacidade de fixar poboación, constitúen avais máis que suficientes para dotar ao sector dun Perte (proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica) ambicioso, que mellore o avanzado, pero aínda sen data, de apenas 50 millóns de euros. As empresas vinculadas ao mar reclamaban oito veces máis contía (400 millóns) e o que se lanzou para as industrias agroalimentarias superou os mil.  

Outra das vías fundamentais que defende o director xeral de Pesca, xunto coas campañas de promoción e o reforzo da internacionalización coa asistencia a feiras e salóns de todo o mundo, é a da rebaixa do IVE aos produtos do mar, unha vantaxe fiscal que si se aplicou sobre outros alimentos, causando un agravio comparativo que non ten xustificación ningunha e que afectou negativamente ao consumo de peixes, mariscos e conservas.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2024