Rivo asiste á VII Xornada Exxperimenta en feminino para a divulgación da ciencia e a tecnoloxía con perspectiva de xénero no campus de Ourense

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou no acto co gallo do Día internacional das mulleres e nenas na ciencia impulsado por profesoras, investigadoras e alumnas de varios dos centros do campus ourensán

En concreto, con distintas actividades darán a coñecer a escolares todas as posibilidades que ofrecen a Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e a Escola Universitaria de Enfermaría
 

Ourense, 16 de febreiro de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, asistiu hoxe á VII Xornada Exxperimenta en feminino na que profesoras, investigadoras e alumnas do Campus de Ourense da Universidade de Vigo apostarán pola divulgación da ciencia, da tecnoloxía, da enxeñaría e das matemáticas con motivo do Día internacional das mulleres e nenas na ciencia, que se celebrou o pasado 11 de febreiro.

A xornada, que se prolongará ata as seis desta tarde e que está concibida para escolares de Primaria, Secundaria e Bacharelato, pretende proporcionarlles a posibilidade de realizar experimentos científicos e tecnolóxicos. Ao tempo, achegaránselles as posibilidades que ofrecen a Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e a Escola Universitaria de Enfermaría do campus ourensán.  

A iniciativa -que se celebra por sétimo ano consecutivo- busca asentar a tendencia da muller como referente na ciencia e na tecnoloxía, promovendo a eliminación de calquera tipo de desequilibrio.

Desde o Goberno galego, a Unidade Muller e Ciencia creouse precisamente para contar cunha área de traballo interdepartamental que transforme a ciencia e a tecnoloxía galegas, con accións desde a perspectiva de xénero e situando a perspectiva de xénero nun primeiro plano nos estudos e actividades científicas.

Nesa liña se sitúa tamén o III Programa de Muller e Ciencia, cuxo obxectivo é lograr un sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore de xeito efectivo o principio de igualdade de oportunidades, diminuíndo a fenda de xénero e situando as investigadoras á fronte dos equipos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2024