O conselleiro do Medio Rural, acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, alcalde de Ordes e de rexedores da comarca, realizou unha visita técnica ás instalacións

A nova oficina rural de Ordes mellorará o servizo aos veciños de sete concellos do interior da provincia da Coruña

José González salientou que se trata dunha das oficinas rurais de maior tamaño e importancia de Galicia

Estes edificios integrais agrupan os servizos de agricultura, gandaría, planificación forestal e o de prevención e defensa contra os incendios

Ordes (A Coruña), 16 de febreiro de 2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, o alcalde de Ordes, José Luis Martínez, e rexedores dos concellos aos que dan servizo estas instalacións, realizou hoxe unha visita técnica á nova oficina rural deste concello coruñés.

O conselleiro salientou que estas instalacións constitúen unha das oficinas rurais de maior tamaño e importancia de Galicia, dando servizo a un total de sete municipios (Oroso, Trazo, Tordoia, Frades, Cerceda e Mesía, ademais de Ordes). Destacou, así mesmo, que estes concellos son referentes no eido rural e máis especificamente no lácteo, xa que xuntos acumulan arredor do 11 % do leite que se produce en Galicia. Este tipo de instalacións, dixo González, son claves para dar servizo aos agricultores e gandeiros desta ampla zona do interior da Coruña.

Ademais, o titular de Medio Rural salientou a importancia de agrupar nunhas mesmas instalacións os diferentes servizos da Consellería. Como é no caso da oficina de Ordes, o reagrupamento destas sedes da Consellería ten como obxectivo prestar os servizos á cidadanía dunha forma máis eficiente.  

Deste xeito, estes edificios integrais pasan a denominarse oficinas rurais e agrupan, ademais dos servizos xa mencionados de agricultura e gandaría, os de planificación forestal e o de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2024