A Xunta convoca 1.200 prazas nos cursos preparatorios para obter os certificados de lingua galega

Ofértanse 40 cursos titorizados, nove presenciais e 31 en liña, dos niveis Celga 2, 3 e 4
 

As solicitudes presentaranse a través da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral de Política Lingüística do 19 de febreiro ao 8 de marzo
 

A Consellería de Cultura tamén ofrece cursos Celga de autoaprendizaxe aos que a cidadanía pode acceder libremente e sen límite de prazas no Portal da Lingua Galega
 

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2024

O plan de formación en lingua galega da Xunta de Galicia continúa a súa aposta por combinar a preparación presencial e en liña para chegar a calquera lugar facilitando, deste xeito, o acceso ao coñecemento do galego a todas aquelas persoas interesadas en preparar as probas que certifican a competencia nesta lingua. Así se recolle hoxe na resolución que publica o Diario Oficial de Galicia (DOG) pola que se anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega, Celga 2, Celga 3 e Celga 4. 

En total, a Goberno galego convoca 40 cursos titorizados -nove presenciais e 31 en liña- preparatorios das probas para a obtención dos certificados en lingua galega Celga 2, 3 e 4, o que supón un total de 1.200 prazas. As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes de inscrición, tanto de cursos presenciais como en liña, a través da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral de Política Lingüística entre o 19 de febreiro e o 8 de marzo. Cada persoa só poderá inscribirse nun único curso. 

Proba de nivel

Como novidade, e co fin de conseguir o rendemento axeitado do curso, cando a persoa interesada solicite o curso no que desexa inscribirse, o sistema pediralle que realice unha proba de nivel para verificar que ese curso é o que mellor se adapta aos seus coñecementos previos da lingua galega. O resultado positivo da proba actuará como criterio de preferencia á hora de asignar as prazas do curso. As persoas que, doutra banda, non superen a proba, poderán inscribirse igualmente no dito curso, se ben non terá preferencia na asignación das prazas.

No caso de que algún dos cursos teña máis solicitantes ca prazas, a asignación destas será por sorteo e nunca por orde de entrada de solicitudes. A partir da relación de persoas que superaron a proba de nivel correspondente ao curso solicitado, obterase nun primeiro sorteo a listaxe do alumnado seleccionado. O dito sorteo realizarase en acto público o día 21 de marzo, ás 11,00 horas, no salón de actos da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en Santiago de Compostela. O resultado será publicado no Portal da Lingua Galega.
 
Cursos titorizados

Cada curso terá unha duración de 70 horas e as datas de realización destes van do 1 de abril ao 16 de maio. Os presenciais terán lugar en distintos centros de ensino das sete cidades galegas mentres que os impartidos en liña se realizarán a través da plataforma de teleformación de Política Lingüística. 

Os cursos teñen carácter gratuíto e non xeran por si mesmos dereito a ningún tipo de certificación, pois están destinados á preparación das probas conducentes á obtención dos certificados de lingua galega Celga. 

Oferta continua de autoformación

A maiores deste cursos titorizados, a Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén ofrece a través da súa plataforma de teleformación cursos Celga de autoaprendizaxe nos seus catro niveis, aos que a cidadanía pode acceder libremente en calquera momento, pois non están suxeitos a límites de prazas nin a datas de impartición. Estes cursos inclúen exercicios de léxico, gramática e comprensión e expresión oral e escrita, con actividades nas que o propio alumnado pode comprobar os seus progresos e consultar as respostas.

 

Data de actualización: 16/02/2024