Xa está dispoñible para descarga a aplicación para seguir en directo o escrutinio das eleccións ao Parlamento de Galicia do 18 de febreiro

Pode instalarse desde os markets de Android e iOS

O avance do escrutinio tamén se poderá seguir en tempo real na web https://resultados2024.xunta.gal
 

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2024

Xa está dispoñible para descarga a aplicación móbil que permitirá seguir os datos de participación e o avance en directo do escrutinio das eleccións ao Parlamento de Galicia que se celebran o próximo domingo, 18 de febreiro. Pode instalarse desde os markets de Android e iOS.

Ademais, os mesmos datos estarán tamén dispoñibles na web https://resultados2024.xunta.gal. Tanto desde esta páxina como desde a aplicación poderán seguirse todas as comparecencias do portavoz do Goberno galego o próximo domingo.

Así, tanto na web como na aplicación, poderán consultarse os avances de participación e tamén estarán dispoñibles os datos en tempo real do escrutinio: tanto a nivel autonómico, como detallado para cada concello galego, incluíndo comparativas coas eleccións do 2020.

Ademais da app e da web de resultados, cómpre destacar que a Xunta tamén ten operativa a páxina web https://eleccionsgalicia2024.gal/, onde se centraliza toda a información de interese relacionada co proceso electoral. Entre outras cousas, nesta web pode consultarse asuntos como o manual para as persoas integrantes das mesas; as candidaturas presentadas nas catro provincias; os resultados electorais de convocatorias anteriores; ou a lexislación de referencia.

O próximo domingo están chamados ás urnas case 2,7 millóns de galegos, entre  os máis de 2,2 millóns de electores censados en Galicia e os máis de 476.000 inscritos no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2024