A Xunta recoñece tres proxectos presentados no IV Foro de Innovación pola súa importancia para os sectores gandeiro, alimentario e forestal

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, entregou as mencións especiais a tres proxectos presentados no foro o pasado 2 de febreiro, pola súa relevancia, calidade e aplicabilidade

O Comité Avaliador tamén distinguiu os paneis doutras tres iniciativas de entre as vinte que se mostraron neste evento focalizado no sector agrario

Boqueixón (A Coruña), 15 de febreiro de 2024

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou esta mañá no Pazo de Quián na entrega de diplomas aos proxectos seleccionados da vintena de iniciativas presentadas no IV Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario, celebrado o pasado 2 de febreiro neste mesmo lugar.

A escolla destes proxectos baseouse en diferentes criterios vencellados a cuestións como o ámbito territorial da iniciativa, a problemática á que pretende dar resposta, a súa aplicabilidade ao sector produtivo do rural galego ou os obxectivos acadados en comparación coa expectativa inicial, entre outros.

Neste sentido, os proxectos merecedores dunha mención especial pola súa relevancia, calidade e aplicabilidade son Agropurín, un sistema modular de vermixestión de xurros para a súa valorización como fertilizante; Valnason, unha valorización da nata de soro mediante a produción de manteiga premium; e Nematodo-screen, un infravermello “cercano” para seleccionar por susceptibilidade ao nematodo.

O Comité Avaliador tamén elixiu os tres mellores paneis que foron expostos durante a celebración do IV Foro, sendo acredores dun recoñecemento os proxectos Apixen, unha iniciativa que busca impulsar a apicultura sostible e a modernización do sector incorporando novas tecnoloxías; Revalorización da horta ecolóxica cara a alimentos minimamente procesados e Bioproinsect, que trata sobre o bioprocesado de insectos para a obtención de produtos de valor engadido.

O foro presentou 20 proxectos innovadores relacionados con diversos eidos do sector agrario, dende o lácteo ao vitivinícola, pasando polas razas autóctonas ou os produtos ecolóxicos. Este evento serviu para dar a coñecer os principais resultados das iniciativas presentadas, que se financiaron ao abeiro das axudas para o apoio a proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías de 2021 e que se finalizaron no pasado ano.

Toda a información deste evento está dispoñible na páxina web de Axencia Galega da Calidade Alimentaria, no apartado de eventos na área institucional.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/02/2024