O Parque Arqueolóxico Campo Lameiro abre a matrícula en Clickultural, unha cita formativa para achegarse á divulgación do patrimonio galego na rede

A actividade estará aberta ao público xeral até completar o aforo, terá un custo de 15 euros e unha duración de 8 horas

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, institución dependente da Xunta de Galicia, desenvolve así un dos seus eixos estratéxicos: a divulgación e difusión do patrimonio cultural autonómico
 

Campo Lameiro, 15 de febreiro de 2024

Tras a boa acollida que tivo a primeira edición de ClicKultural, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, centro dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, celebrará o vindeiro sábado 9 de marzo unha nova cita deste evento arredor da divulgación do patrimonio na(s) rede(s), que pretende converterse en referente neste eido no noroeste peninsular.

Trátase dunha actividade de formación aberta ao público, previa inscrición no formulario web sito en paar.es, que ten como obxectivo dar a coñecer e visibilizar algunhas das mellores iniciativas levadas a cabo por persoas e entidades galegas nos eidos da comunicación, a divulgación e posta en valor do patrimonio cultural. A actividade ten un custo de 15 euros e unha duración de 8 horas coa posibilidade de entregar certificado de asistencias ás persoas que o soliciten.

Sete olladas sobre a divulgación patrimonial

Nesta segunda edición, o evento reunirá a sete persoas, con proxectos e puntos de vista diferentes e plenamente orixinais sobre o noso patrimonio cultural. En concreto, ClicKultural contará desta volta coa participación de dúas persoas historiadoras da arte e divulgadoras dixitais de primeiro nivel estatal nos eidos da cultura e o patrimonio, como son Eugenia Tenenbaum e Miguel Cajigal El Barroquista, protagonistas dun debate que se promete orixinal, ao estar enfiado coas propias propostas e preguntas achegadas polo público participante.

Tamén tomarán parte outros profesionais e expertos como Mariña López, que falará de As Sereas. As mulleres do mar da fundación Fundamar e Funpromar, un proxecto que ganduxa a relevancia social e patrimonial; as viguesas Leticia e Patricia Pérez, que presentarán Troulanda, unha axenda en liña centrada no turismo cultural efémero de Galicia e o norte de Portugal, ou David Gesteira, que lle achegará ás persoas participantes todos os segredos do recoñecido podcast Descifrando a Historia. Para rematar, incorpóranse a este ClicKultural antropólogos e xornalistas orientados á divulgación de aspectos relacionados co rico patrimonio inmaterial de Galicia, como Lidia Mariño, que achegará a ollada etnográfica mediante o seu relatorio Tralas pegadas da Vella, ou Manuel Rial, xornalista e xestor cultural dixital, que disertará arredor das súas experiencias como xestor de redes en proxectos e institucións relacionadas coa salvagarda, activación e difusión patrimonio cultural de Galicia.

Data de actualización: 15/02/2024